A directora xeral de Patrimonio Natural presidiu o consello reitor deste espazo natural entre as provincias de Lugo e Ourense

A Xunta avanza na posta en valor da reserva de biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel con máis de 500.000 euros de investimento

Belén do Campo salienta que a maioría de accións previstas ata abril de 2024 xa están completadas ou moi avanzadas como o proxecto para a xestión de bosques de castiñeiros ou a mellora de frondosas, que actúan en 50 hectáreas de superficie

O Executivo galego avanza que o próximo ano realizará unha nova convocatoria de axudas por importe de 1,8 M€ para estudos e investimentos nas sete reservas da biosfera de Galicia das que poderán beneficiarse os 86 municipios incluídos nelas

O consello reitor da reserva acordou trasladar ao programa MaB da Unesco a petición de inclusión na Rede Mundial de Reservas de Biosfera de Montaña

Pantón (Lugo), 28 de novembro de 2023

A Xunta está a realizar distintas actuacións no ámbito da Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel para a súa posta en valor e a protección tanto dos espazos naturais como da biodiversidade cun investimento que rolda os 550.000 euros.

 

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, presidiu o consello reitor da reserva, onde salientou que a maioría deses proxectos xa se completaron ou están nun avanzado estado de execución coa previsión de que todos estean finalizados antes de abril do próximo ano. 

 

A representante da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda puxo en valor iniciativas como a xestión de hábitats de bosques de castiñeiros nas Comunidades de Montes de Seceda, en Folgoso do Courel. Esta actuación incide en case oito hectáreas de superficie e inclúe labores como a poda, a eliminación de ramas mortas ou brotes de pé favorecendo a implicación dos propietarios públicos e privados na conservación dun hábitat de interese comunitario.

 

Na mesma liña enmárcanse accións de mellora de frondosas nos concellos de Quiroga e Folgoso do Courel con rozas selectivas de matogueiras nunha superficie de 42 hectáreas para impulsar o crecemento de distintas especies frondosas.

 

Outra das iniciativas, que se está a desenvolver nos concellos de Folgoso do Courel, O Incio, Triacastela e Sober, céntrase na conservación dos insectos transportadores de pole. Entre as medidas incluídas con este obxectivo está a creación dun pequeno catálogo entomolóxico, a identificación das especies máis interesantes para protexer e inventariar ou o deseño e construción de 20 vivendas-refuxios para estes animais.

 

A esta actuación, moi ben acollida pola veciñanza e as entidades locais, engádense outras como labores de control da vexetación exótica invasora no canón do río Sil, a recuperación da continuidade fluvial no río Lor ou a mellora da sinalización en toda a reserva para impulsar o turismo e a protección do patrimonio cultural e paisaxístico. 

 

Belén do Campo tamén anunciou que a Xunta realizará o vindeiro ano unha nova convocatoria de axudas para estudos e investimentos vencellados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e a sensibilización ecolóxica na rede de reservas de biosfera de Galicia. Estas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), estarán dirixidas aos 86 concellos integrados nalgunha das sete reservas da biosfera de Galicia e contarán cun crédito de 1,8 millóns de euros para as anualidades 2024 e 2025. 

 

O consello reitor da reserva analizou todas estas medidas de conservación e a maiores acordou trasladar ao Programa sobre o Home e a Biosfera (MaB) da Unesco a petición de inclusión na Rede Mundial de Reservas de Biosfera de Montaña.

 

Entre Lugo e Ourense

A Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel foi declarada pola Unesco en setembro de 2021, conta con máis de 300.000 hectáreas de superficie e inclúe 23 concellos de Lugo e Ourense que suman unha poboación de máis de 75.000 habitantes.

 

Este espazo protexido ten un gran número de hábitats sensibles, é rico en flora e fauna e conta con zonas montañosas e bosques caducifolios con distintas necesidades de protección. Con ese obxectivo, a reserva dispón dun plan de acción para mellorar a xestión, a conservación do patrimonio cultural e natural, a súa difusión, a promoción dun desenvolvemento rural sostible, o fomento dun turismo de calidade, o impulso da cooperación e a conservación dos ecosistemas que inclúe, entre outras medidas. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2023