Martina Aneiros destaca a nova Lei de Igualdade como garantía de equidade real en todos os espazos e esferas da vida durante a xornada de Cogave

Ferrol, 28 de novembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, inaugurou esta tarde no centro cultural Torrente Ballester a xornada Xuntos contra a violencia de xénero, organizada pola Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro (Cogave), ao abeiro dun programa de concienciación en igualdade, prevención e loita contra a violencia de xénero que conta co apoio da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Na súa intervención, a delegada destacou a igualdade como un “obxectivo transversal” e puxo en valor a nova Lei de Igualdade aprobada a pasada semana no Parlamento galego “a través da que a Xunta blinda o compromiso de Galicia co benestar integral da muller, impulsando o seu apoderamento en ámbitos da sociedade no que aínda persisten inequidades como o salario, a ciencia, sectores laborais, teito de cristal...”. Aneiros destacou a nova norma como garantía da equidade real en todos os espazos e esferas da vida e, en referencia ao ámbito dos concellos, fixo fincapé en que promoverá programas municipais para a creación de espazos urbanos libres de violencia e de acoso sexual.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2023