A Xunta pon en valor que a nova Lei de igualdade regula por vez primeira en España o concepto de benestar laboral

Culleredo (A Coruña), 28 de novembro de 2023

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou esta mañá na xornada El ratio de la felicidad en el trabajo. Psicología positiva práctica, organizada por Ibermutua. Alí, puxo en valor que a nova Lei de igualdade -aprobada a semana pasada no Parlamento galego- regula por primeira vez en España o concepto de benestar laboral, apostando pola igualdade de oportunidades entre persoas traballadoras e pola creación de equipos diversos de cara a reter o talento e darlle un pulo á competitividade das empresas.

Na súa intervención, a directora xeral tamén se referiu -entre outras medidas- á Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, que contempla actuacións dirixidas a xerar organizacións saudables e sostibles, impulsando programas e proxectos para o coidado da saúde mental e para o benestar emocional nos lugares de traballo, que redundará na saúde das persoas traballadoras. Tamén ao campus formativo do portal web de igualdade laboral da Xunta, onde un dos obxectivos é a eliminación da violencia e do acoso de todo tipo nas empresas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2023