Román Rodríguez anuncia a renovación da cuberta e as fiestras do colexio Vicente Arias de la Maza, en Lalín, cun investimento de medio millón de euros

O conselleiro de Educación avanza que o proxecto, que se licitará antes de que remate o ano, suporá unha mellora do centro tras 50 anos de funcionamento

Esta actuación, xunto con outras como a ampliación do Instituto Aller Ulloa ou a central de biomasa, reflicten o compromiso da Xunta coa educación en Lalín

Lalín (Pontevedra), 28 de novembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, anunciou esta mañá unha obra de mellora do Colexio CEIP Vicente Arias de la Maza, en Lalín, que suporá renovar a cuberta e as fiestras do edificio. Trátase dunha intervención que suporá un investimento de 553.000 euros e está previsto sacar o proxecto a licitación antes de que remate o ano.

O titular de Educación do Goberno galego subliñou que esta actuación suporá “unha mellora importante” para este colexio que vén de cumprir 50 anos como referente educativo na parroquia de Vilatuxe, “e que nesta nova etapa vai a gañar en confort e en sostibilidade”.

A intervención, que se fará de acordo co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, abrangue a substitución das cubertas dos dous edificios docentes do colexio e da pista cuberta. Nesta última tamén se procederá a cambio de canlóns e baixantes, á reforma do saneamento de pluviais e ao acondicionamento acústico do interior.

Canto ás carpintarías, actuarase nunha envolvente térmica dun total de 111 metros cadrados que implica a substitución de nove portas e 46 ventás con rotura de ponte térmico nos edificios educativos e nos vestiarios da pista deportiva.

Román Rodríguez destaca que esa obra “é un novo exemplo do compromiso firme da Xunta de Galicia coa mellora educativa no Concello de Lalín”. Non en balde, está obra súmase a outras actuacións previstas como a ampliación do Instituto IES Ramón María Aller Ulloa, cun investimento de 2,5M€, que posibilitará reforzar a oferta de Formación Profesional na comarca e dar un mellor servizo aos ciclos xa existentes.

Cómpre lembrar así mesmo que este centro vai contar cun novo equipo de produción térmica con biomasa que fornece de enerxía tamén a outros tres edificios públicos grazas a unha achega de 1,3 M€ no marco da compromiso da Xunta de Galicia coa mellora da eficiencia enerxética.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2023