O Sergas recolle máis de 30.000 respostas dos seus profesionais na campaña “Contorno de traballo saudable”

Desde novembro do ano 2022, o Servizo Galego de Saúde está a implementar un conxunto de medidas destinadas á mellora da calidade laboral e o benestar dos seus traballadores e traballadoras

O Sergas recibiu 32.100 respostas do seus profesionais ao Cuestionario de benestar, máis de 1.500 respostas á enquisa realizada aos seus cadros de mando, e artellou un total de 33 reunións dos denominados Grupo Focais

A xuntanza da Comisión Central de Seguridade e Saúde tamén abordou o Manual do Plan xeral de prevención de Riscos laborais do Servizo Galego de Saúde

A Consellería de Sanidade tamén informou aos sindicatos que no mes de decembro licitará un novo expediente de contratación de EPIs para o persoal médico e de enfermería que presta atención sanitaria fóra dos centros sanitarios
 

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2023

O Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade vén de acoller unha nova xuntanza da Comisión Central de Seguridade e Saúde do Servizo Galego de Saúde, na que a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas presentou ás organización sindicais -CIG, CCOO,CSIF e UGT-, un avance dos resultados do proceso de avaliación de riscos psicosociais que está a desenvolver.

Desde novembro do ano 2022, o Servizo Galego de Saúde está a implementar un conxunto de medidas destinadas á mellora da calidade laboral e o benestar dos seus traballadores e traballadoras. Así, mediante a campaña “Contorno de traballo saudable”, durante o últimos ano articulou tres tres grandes accións para coñecer as posibles áreas de mellora dentro da organización sanitaria pública galega.

En concreto, remitiu ao conxunto de traballadores do Sergas un “Cuestionario de benestar” para coñecer a súa situación e percepción laboral; realizou diversas “Enquisas ás liñas de mando” para recoller información sobre os equipos de traballo; e organizou un total de 33 reunións dos denominados “Grupos Focais” para explorar os posibles ámbitos de mellora.

No que atinxe aos “Cuestionarios de benestar”, a área de Recursos Humanos do Sergas recibiu un total de 32.100 respostas individuais, acadando unha participación próxima ao 74% do conxunto de profesionais que o integran. Con este datos, o departamento sanitario busca optimizar a xestión das relacións interpersoais entre seus traballadores, e tamén de favorecer e facilitar a súa participación na toma de decisións.

Por outra banda, no referido ás “Enquisa ás liñas de mando”, o Sergas recolleu un total de 1.549 respostas (90% de participación), dos responsables de distintos equipos de profesionais, tanto de atención primaria como de atención hospitalaria. Neste caso, entre os datos máis salientables destaca a cualificación de 7’8 puntos -sobre 10- no que atinxe ao clima laboral.

O terceiro do eixos da estratexia do Sergas para artellar unha contorna laboral máis saudable son os denominados “Grupos Focais”. Neste senso, organizou un total de 33 reunións, na que participaron 554 profesionais de diferentes perfís, para trasladar as súas achegas e inquedanzas ao redor do seu posto de traballo. Desde a Dirección Xeral de Recursos Humanos agradecen a colaboración de todos os profesionais que están a participar.

Prevención de riscos laborais e EPIs

A xuntanza da Comisión Central de Seguridade e Saúde do Servizo Galego de Saúde, tamén posibilitou a abordaxe do Manual do Plan xeral de prevención de Riscos laborais do Sergas, así como para definir as directrices da xestión dos Equipos de Protección Individual (EPI).

Neste último caso, os responsables de Consellería de Sanidade trasladáronlle aos representantes das organizacións sindicais (CIG, CCOO,CSIF e UGT), que durante o vindeiro mes de decembro licitarase un novo expedientes de contratación de EPIs para a dotación ao persoal médico e de enfermería que realiza saídas a domicilio, accidentes de trafico, etc...

O devandito contrato realizarase mediante a modalidade de compra centralizada, e dará resposta tanto ás necesidades detectadas no conxunto das sete áreas sanitarias de Galicia, como as particularidades que poidan existir en cada un dos centros sanitarios.

Data de actualización: 28/11/2023