A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, interveu na inauguración da xornada Presente e futuro da mobilidade eléctrica en Galicia, organizada pola Cámara de Comercio da Coruña en colaboración con Iberdrola

A Xunta avanza na transformación dos sistemas de transporte para ofrecer unha mobilidade alternativa, eficiente e respectuosa co medio ambiente

Vázquez Mourelle sinala o desafío de proporcionar sistemas de transporte que respondan ás necesidades dos cidadáns e que contribúan a mitigar o impacto no medio
 

Salienta que a Xunta destina 100 M€ anuais a garantir un sistema de transporte público que presta servizo aos 30.000 núcleos de poboación de Galicia
 

Remarca o fomento do uso do transporte público con medidas como a tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos viaxan gratis nas 3.500 liñas de autobús autonómico
 

Avanza que esta gratuidade no transporte se estenderá á poboación maior de 65 anos a partir do vindeiro 1 de xaneiro
 

Pon en valor a redución da media dos autobuses de 11 a 5,7 anos e o fito acadado de que máis do 70% teñan a etiqueta verde e o 20% sexan ECO
 

Salienta a execución das estacións intermodais para facilitar un intercambio áxil e seguro co ferrocarril ou os aparcadoiros disuasorios, dotados de puntos de recarga eléctrica
 

Lembra que a Xunta concede axudas para a adquisición de vehículos de taxi adaptados, eléctricos e de baixas emisións, con máis de 5,4 M€ destinados á renovación de case 900 taxis

A Coruña,  28 de novembro de 2023

A Xunta avanza na transformación dos sistemas de transporte para ofrecer unha mobilidade alternativa, eficiente e respectuosa co medio ambiente.

Destacouno hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na inauguración da xornada Presente e futuro da mobilidade eléctrica en Galicia, organizada pola Cámara de Comercio da Coruña en colaboración con Iberdrola. 

Vázquez Mourelle subliñou o desafío de proporcionar sistemas de transporte que respondan ás necesidades dos cidadáns e que ao mesmo tempo contribúan a mitigar o impacto no medio a través da redución de gases de efecto invernadoiro ou do ruído asociado ao tráfico.  

Salientou que o Goberno galego destina 100 M€ anuais a garantir un sistema de transporte público que presta servizo aos 30.000 núcleos de poboación de Galicia, o que equivale á metade dos de toda España. 

Ethel Vázquez incidiu no fomento do uso do transporte público por parte da Xunta con medidas pioneiras, como a gratuidade para os menores de 21 anos que ofrece a tarxeta Xente Nova, dispositivo co que 160.000 rapaces viaxan de balde nas máis de 3.500 liñas de autobús interurbano e nos barcos da ría de Vigo. 

Avanzou que esta gratuidade no transporte se estenderá á poboación maior de 65 anos a partir do vindeiro 1 de xaneiro. 

No eido medioambiental, tamén puxo en valor a redución da idade media dos autobuses de 11 a 5,7 anos e o fito acadado de que máis do 70% teñan a etiqueta verde e o 20% sexan ECO. 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta tamén aludiu á construción de novas infraestruturas como as estacións intermodais para facilitar un intercambio áxil e seguro co ferrocarril, ou aos aparcadoiros disuasorios destinados ao carpooling, dotados de puntos de recarga eléctrica.

Ademais recordou que a Xunta vén concedendo desde 2016 axudas para a renovación da flota de taxis coa adquisición de vehículos adaptados, eléctricos e de baixas emisións, con máis de 5,4 M€ destinados á renovación de case 900 taxis.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2023