O conselleiro do Mar mantén un encontro institucional coa confraría e a concesionaria da lonxa de Ribeira

Alfonso Villares visitou a rula ribeirense, na que o seu departamento investiu 14 millóns de euros

A lonxa de Ribeira é a primeira de toda Galicia por volume de descargas e a quinta por facturación, representando o 10,32% do negocio nos tres primeiros trimestres do 2023

O conselleiro cualificou de falta de respecto ao sector do mar o recurso do Goberno central contra a Lei do Litoral ante o Tribunal Constitucional
 

Ribeira (A Coruña), 27 de novembro de 2023

A conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo esta tarde unha reunión institucional coa confraría e a empresa concesionaria da lonxa de Ribeira, unha instalación na que o seu departamento investiu, a través de Portos de Galicia, 14 millóns de euros.

Villares, acompañado do presidente do organismo portuario, José Antonio Álvarez, visitou as instalacións da lonxa dun porto de referencia internacional, considerado o maior porto de baixura de Europa. Durante esta visita, o titular de Mar comprobou o funcionamento das instalacións e as demandas dos seus usuarios.

Neste sentido o responsable autonómico afondou nas necesidades do sector profesional ribeirense e nas posibilidades de mellora das condicións de traballo dos profesionais que operan nesta rula. Non en van, lembrou que a actual lonxa de Ribeira foi concibida como unha infraestrutura de vangarda ao primeiro nivel con instalacións e servizos acordes á relevancia do sector portuario de Ribeira.

Finalmente, o conselleiro reseñou que a lonxa, que ten carácter visitable e turístico ademais do uso profesional, conta con equipos tecnolóxicos destacados como o de depuración de auga salgada ou sistemas de control da trazabilidade e de eficiencia operativa e enerxética.

 
Referente europeo

O porto de Ribeira consolídase como o peirao de baixura máis importante de Europa representando o 23,4% de todos os produtos do mar poxados nas lonxas galegas e o 10,3% do negocio nos tres primeiros trimestres de 2023. Ademais, é a primeira de toda Galicia en canto a descargas e a quinta en facturación só por debaixo das lonxas de Vigo, A Coruña, Burela e Celeiro.A produción nos tres primeiros trimestres de 2023 tivo un incremento do 24% con respecto ao mesmo período de 2022 subindo tamén a facturación o 5,50%, alcanzando os 31,2 millóns de euros.

 

Recurso Lei do Litoral

O titular do Mar reiterou o incompresible do recurso do Goberno central ante o Tribunal Constitucional contra a Lei do Litoral, unha norma nacida do consenso co propio sector co recoñece como estratéxico. Por ese motivo cualificou a actuación do executivo presidido por Pedro Sánchez como unha falta de respecto ao homes e mulleres do mar de Galicia, xa que mentres se califica de inconstitucional a lei galega estase a formular unha lei de Amnistía que ata fai pouco sinalaban como inconstitucional. Neste sentido criticou que, á vez que negan as competencias da Xunta de Galicia neste ámbito, se recoñezan no caso do País Vasco cando ambos estatutos recoñecen as mesmas competencias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2023