O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, presidiu esta tarde a Comisión de Seguimento do Plan de Transporte Metropolitano da área de Vigo

A Xunta e 12 concellos da área de Vigo acordan prorrogar o Plan de transporte metropolitano os 2 vindeiros anos cun investimento autonómico de 2,4 M€

O Goberno galego continuará financiando os descontos do 80% nos billetes interurbanos, ademais do 100% dos transbordos e as bonificación adicionais aos usuarios recorrentes e membros de familias numerosas coa achega de 1,2 M€ ao ano

Os 12 concellos que conforman esta área de transporte -Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Soutomaior-, achegarán 0,28 M€ ao ano

Entre os anos 2016 e 2023 o número de viaxes incrementouse case un 30%, prevéndose pechar este ano acadando preto de 3,5 millóns de expedicións

A tarxeta TMG é o principal medio de pagamento, empregándoa o 75% dos usuarios da área, máis de 80.000 veciños que acadan aforros que roldan os 1.000€ ao ano

Máis de 29.500 mozos de menos de 21 anos da área viaxan de balde en autobús ou en barco coa tarxeta Xente Nova

Esta gratuidade no transporte público estenderase o 1 de xaneiro aos maiores de 65 anos, unha medida para a que os Orzamentos da Xunta reservan unha partida de 5 M€
 

Vigo, 27 de novembro de 2023

A Xunta e 12 concellos da área de Vigo acordaron esta tarde prorrogar o Plan de Transporte Metropolitano durante os dous vindeiros anos, o que suporá un investimento autonómico de 2,4 M€.

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, presidiu esta tarde a Comisión de Seguimento do Plan de Transporte Metropolitano da área de Vigo, celebrada na cidade olívica, na que se avaliou conxuntamente o funcionamento desde plan posto en marcha en abril do ano 2015.

O obxectivo é darlle continuidade á colaboración do Goberno galego cos municipios que integran a área de transporte metropolitano de Vigo, que son Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Soutomaior.

No marco deste convenio, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade achegará anualmente preto de 1,2 M€ para financiar os descontos do 80% que se aplican nos billetes interurbanos, ademais do 100% dos transbordos, que son gratuítos, e as bonificación adicionais aos usuarios recorrentes (15%) e membros de familias numerosas, de ata o 50%.

Entre os municipios que configuran esta área de transporte, na que non está incluído o Concello de Vigo pola súa negativa a integrarse, realizarán unha achega de 280.000 € ao ano.

Incremento de viaxes

No encontro de hoxe tamén se fixo un balance do período comprendido entre os anos 2016 e 2023, no que o número de viaxes se incrementou en case un 30%, prevéndose neste ano acadar as 3.476.685 viaxes, o que supón un aumento dun 23,29% respecto do exercicio anterior.

A evolución do número de viaxeiros nos corredores marítimos de Cangas e Moaña tamén presentou un importante incremento nos últimos anos, prevéndose pechar este ano cun aumento medio do 26,5%.

Os datos avaliados hoxe constatan a Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG) como principal medio de pagamento, consolidándose a tendencia na súa utilización por riba do 75% dos usuarios.

Na actualidade máis de 80.000 veciños da área de Vigo estanse a beneficiar dos descontos da tarxeta TMG nos desprazamentos cotiás, coa que poden acadar aforros que roldan os 1.000 euros ao ano.

Á tarxeta TMG súmase a Xente Nova, coa que máis de 29.500 mozos de menos de 21 anos da área xa viaxan de balde en autobús ou en barco.

Ademais, unha vez culminada en 2021 a extensión do emprego deste dispositivo aos 313 concellos de Galicia, os rapaces desta área tamén poden viaxar gratis por toda a comunidade en calquera das 3.555 liñas de autobús de titularidade autonómica.

Cómpre lembrar que esta gratuidade no transporte público se estenderá o vindeiro 1 de xaneiro do 2024 aos maiores de 65 anos, unha medida para a que os Orzamentos da Xunta reservan unha partida de 5 M€.

Data de actualización: 27/11/2023