A Xunta inicia as obras de mellora do firme na estrada AC-261 ao paso polos concellos de Boqueixón e de Santiago

A intervención supón un investimento autonómico de máis de 43.000 euros

Céntrase na contorna dos puntos quilométricos 2+000, en Aríns, no concello de Santiago, e no quilómetro 8+000 en Lamas, no municipio de Boqueixón

Os traballos consisten no fresado e na posterior reposición de 5 cm da capa de rodaxe

As obras contribuirán a reforzar a seguridade e danlle continuidade ás actuacións de mellora de firme que a Xunta acometeu nos últimos anos en diversos treitos desta vía

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2023

A Xunta comezou hoxe novas obras de mellora do firme na estrada autonómica AC-261 ao paso polos concellos de Boqueixón e de Santiago de Compostela.

Esta intervención supón un investimento autonómico de máis de 43.000 euros e a empresa encargada da súa execución é Nemesio Ordóñez S.A.

A actuación consiste na rehabilitación do firme da estrada AC-261 en dous puntos da mesma: en concreto, intervense  na contorna dos puntos quilométricos 2+000, en Aríns, no concello de Santiago de Compostela; e no quilómetro 8+000 en Lamas, no municipio de Boqueixón.

Os traballos en execución comprenden o fresado e a reposición de 5 cm da capa de rodaxe do firme existente nos citados puntos quilométricos. A reposición da rodaxe levarase a cabo no ancho completo dos carrís cunha capa de mestura betuminosa en quente.

Estas obras, que contribuirán a reforzar a seguridade viaria na zona, danlle continuidade ás diversas actuacións de mellora do firme que a Xunta leva acometido nos últimos anos en distintos treitos do trazado desta vía.

O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando o vindeiro ano 53 M€ á súa conservación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2023