Entregadas as 40 primeiras vivendas de promoción pública no barrio coruñés de Xuxán

Rueda destaca que a Xunta investirá 55 M€ en facilitar a promoción dun total de 1.600 vivendas protexidas nesta zona

Salienta o esforzo de cada unha das familias que recolleron as chaves, así como de todos os galegos e galegas que “contribúen, cos seus impostos, a que poidamos seguir facendo política de vivenda pública”

A Xunta destinará o vindeiro ano un orzamento ampliable de máis de 56 M€ a axudas para promover a rehabilitación ou construción de inmobles para alugueiro social e para facilitar o acceso a un fogar de colectivos vulnerables, entre outras
 

A Coruña, 27 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na entrega das 40 primeiras vivendas de promoción pública (VPP) no barrio coruñés de Xuxán, no cal o Goberno galego vai investir 55 millóns de euros para poñer a disposición da cidadanía un total de 1.600 vivendas protexidas. “Sempre falamos das cousas que son imprescindibles e a vivenda é unha delas, por iso quero destacar o esforzo de cada un dos que recolleron as chaves, e tamén o de todos os galegos e galegas que contribúen, cos seus impostos, a que poidamos seguir facendo política de vivenda pública”, asegurou.

Rueda, acompañado da vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo hoxe entrega das chaves ás familias das primeiras VPP deste barrio, ás que a Xunta destinou 7,5 millóns de euros. En total, o Goberno autonómico prevé construír de forma directa 162 inmobles públicos nestes terreos.

Nesta liña, Rueda fixo fincapé no interese do Goberno galego en incrementar nun 50% o parque público residencial ata 2026. O obxectivo é superar as 5.600 vivendas en réxime de alugueiro, é dicir, 1.800 máis que as existentes na actualidade. “A vivenda é un dereito de todas as persoas e unha obriga das administracións facilitarlla e, dende logo, vai ser nos vindeiros anos unha das políticas principais da Xunta”, indicou.

Pero ademais, o Goberno galego tamén aposta polas axudas para aumentar a dispoñibilidade de vivendas na comunidade ou apoiar aos que teñen dificultades para acceder a un fogar. No 2024 vaise mobilizar un orzamento ampliable de máis de 56 millóns en diferentes achegas, como unha nova liña dirixida a promotores que constrúan ou rehabiliten vivenda para destinar a alugueiro social ou a ampliación das axudas ao alugueiro, que poderán costear ata o 60% do prezo do arrendamento e que se estende a novos colectivos coma os emigrantes retornados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2023