O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participa na presentación do encontro, que terá lugar ata finais de marzo na Facultade de Comunicación de Pontevedra

O cinema en clave feminina protagoniza a 13ª master class do audiovisual galego AuGAL baixo a organización da Xunta e a Universidade de Vigo

‘O corpo aberto’, de Ángeles Huerta, centrará mañá a sesión de apertura deste programa, que tamén afondará no proceso creativo e de produción das longas ‘O corno’, ‘Salta!’, ‘Matria’ e ‘Cando toco un animal’

Esta 13ª entrega inclúe tamén xornadas sobre curtametraxes, o concurso A Canteira, a serie ‘Motel Walkirias’ e un obradoiro de guión con Sara Varela
 

Pontevedra, 27 de novembro de 2023

A Casa das Campás de Pontevedra acolleu hoxe a presentación da 13ª edición de AuGAL, Master Class do Audiovisual Galego, que arranca mañá na Facultade de Comunicación cunha sesión centrada na longametraxe O corpo aberto, da realizadora Ángeles Huerta. A Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo organizan este programa, dirixido tanto a estudantes como a profesionais do sector, que nesta nova entrega ten un especial acento feminino a través dos títulos escollidos para analizar os procesos creativos e técnicos do cinema e a televisión que se fan en Galicia.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou neste acto, no que compartiu mesa con Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación da Universidade de Vigo; Emma Torres, decana da Facultade de Comunicación, e Paulino Pérez, profesor desta facultade e coordinador de AuGAL xunto con Miguel Anxo Fernández.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades subliñou a dobre vertente desta iniciativa, que combina a súa finalidade formativa arredor dos procesos creativos e de produción coa oportunidade de difusión que supón para o audiovisual galego a través da apertura das súas oito sesións ao público xeral de xeito gratuíto. Ao tempo, destacou a ollada feminina das producións escollidas, “tendo a principal referencia a Cuncha de Ouro do Festival de San Sebastián para O corno, de Jaione Camborda”, quen intercambiará impresións cos asistentes á xornada do 21 de febreiro.

O responsable de Industrias Culturais referiuse tamén á devandita O corpo aberto, que será presentada polo seu produtor, Gaspar Broullón, así como a Salta!, de Olga Osorio, quen estará en Pontevedra o 28 de febreiro. Este protagonismo feminino reflíctese tamén nas historias que abordan as longametraxes Cando toco un animal, de Ángel Filgueira, quen intervirá na sesión do 19 de decembro canda ás produtoras Silvia Fuentes e Anxos Fazáns, e Matria, de Álvaro Gago, que centrará a xornada de clausura o 27 de marzo, así como a serie Motel Walkirias, que presentará o seu director, Ghaleb Jaber Martínez, o 6 de marzo.

Sutil puxo estes traballos, todos eles producidos con subvención da Xunta de Galicia, como exemplo do esforzo conxunto entre o sector e o Goberno galego por desenvolver unha industria audiovisual cunha recoñecida calidade artística e profesional, capaz de “situarse e destacarse no mercado estatal e internacional cun alto nivel competitivo”.

Oito sesións e un obradoiro

Nas súas palabras, as oito sesións programadas este ano dan conta da “diversidade e a transversalidade da creación audiovisual galega en canto a xéneros e formatos”. Así, en Pontevedra poderán verse tamén os traballos do concurso A Canteira, organizado pola Facultade de Comunicación, o 12 de decembro; e as curtas Antes de que se poña o sol, de Nani Matos; A entrevista, de Fernando Tato, e Amanece la noche más larga, de Carlos Fernández de Vigo, o 7 de febreiro.

Ao tempo, esta 13ª edición inclúe un obradoiro de guión a cargo de Sara Varela, baixo o título Creación dun microrrelato, con sesións os días 1 e 15 de decembro e 9 de febreiro.

Todas as citas de AuGAL terán lugar na Facultade de Comunicación, no campus da Xunqueira, en horario de tarde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2023