A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, clausurou o encontro Rumbo a un futuro sustentable: Fortalecendo a cadea de valor da eólica mariña, organizado por Asime

Lorenzana apela a seguir polo camiño do diálogo e o debate sosegado para o desenvolvemento en Galicia da eólica mariña

Remarca que, para o Goberno galego, a eólica mariña ten que abrirse paso conciliando as fortalezas de Galicia neste eido cos intereses do sector marítimo-pesqueiro

“O que non podemos facer é quedarnos quietos”, di, para subliñar que “Galicia non pode perder esta oportunidade”

Confía en que o Executivo central “non caia no mesmo erro en que caeu cos fondos europeos” e que “exerza a cogobernanza coas comunidades autónomas na execución e desenvolvemento dos proxectos”

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, apelou hoxe a seguir polo camiño do diálogo e o debate sosegado para abordar conxuntamente cos sectores implicados os retos e oportunidades da eólica mariña en Galicia e as estratexias para potenciar a cadea de valor.

“Entre todos temos que seguir traballando para o futuro da eólica mariña en Galicia. Este é o noso modelo, é o modelo da Xunta de Galicia”, dixo durante a súa intervención na clausura do encontro Rumbo a un futuro sustentable: Fortalecendo a cadea de valor da eólica mariña, organizado por Asime.

Lorenzana explicou que, para o Goberno galego, a eólica mariña ten que abrirse paso conciliando, por un lado, as fortalezas de Galicia neste eido: a capacidade de xeración renovable, o desenvolvemento industrial e loxístico en eólica offshore e a competitividade do tecido industrial. E, por outro, a preservación dos ecosistemas mariños e a defensa dun sector como a pesca, que é o sustento de moitas familias.

Segundo dixo, esa é a razón de ser do Observatorio de Eólica Mariña, polo que avogou por seguir avanzando da man do sector industrial e das organizacións e asociacións vinculadas á actividade marítimo-pesqueira. E, tamén, acumulando experiencias e coñecementos coas comunidades de Asturias e Cantabria no marco do Clúster de Eólica Offshore.

“O que non podemos facer é quedarnos quietos”, enfatizou, para subliñar que “Galicia non pode perder esta oportunidade”. “Estamos preparados para seguir dando pasos adiante sen présa pero sen pausa, e seguindo este proceso de consulta”, aseverou.

Neste contexto, volveu reiterar ao Goberno “o necesario desenvolvemento de todas as ferramentas para que a eólica offshore se poña en funcionamento desde este espazo de consenso” e puxo de manifesto que non se tiveran en conta as suxestións feitas por Galicia aos Plans de ordenación do Espazo Marítimo (POEM). Ao respecto, confiou en que o Executivo central “non caia no mesmo erro en que caeu cos fondos europeos e que “exerza a cogobernanza coas comunidades autónomas na execución e desenvolvemento dos proxectos”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2023