A prevención, investigación e extinción de incendios forestais centrará en Silleda o II Congreso Internacional Interlumes, organizado pola Xunta

Terá lugar entre mañá martes e o vindeiro xoves día 30 no recinto feiral de Silleda, enmarcado na Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias (Sedexpo)
 

O programa contará con diferentes charlas e mesas redondas coa participación de diversas autoridades e expertos en lumes forestais de Galicia, resto de España e Portugal
 

Ademais, a Consellería do Mar programou tamén para mañá un simulacro do helicóptero Pesca 1, con base en Vigo, no que se reproducirá unha manobra de evacuación no entorno do hipódromo do recinto feiral

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2023

A Consellería do Medio Rural organiza o II Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes, que terá lugar organiza o II Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes, que terá lugar entre mañá martes e o vindeiro xoves 30 de novembro. Enmarcado dentro da Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias (Sedexpo), este evento albergará no recinto feiral de Silleda varias charlas e mesas redondas con diversas autoridades e expertos en lumes forestais tanto da nosa comunidade como do resto de España e de Portugal.

Así, a xornada do martes estará centrada na prevención de incendios forestais, a investigación e o lume prescrito. En particular, en relación coa investigación, avaliarase o traballo realizado dende a súa creación -hai agora dous anos- pola Unidade de Investigación de Incendios Forestais da Xunta (UIFO).  

Ademais, tratarase a aplicación de lume prescrito e os seus principios científico-técnicos, contando tamén coa experiencia portuguesa nesta materia, e abordarse a planificación territorial deste tipo de queimas e o seu emprego no caso particular do municipio pontevedrés de Fornelos de Montes.  

A sesión de mañá pecharase cunha mesa redonda na que participarán todos os relatores desa xornada e, xa pola tarde, terá lugar un simulacro de extinción, enfocado no ataque combinado de medios aéreos e terrestres para a defensa dunha vivenda illada e manobras de auto protección.

Operacións en incendios

O mércores será o día de analizar as operacións en incendios forestais. Así, o programara abrirase cun relatorio sobre a Intelixencia Artificial (IA) na xestión e operación de lumes. A seguir, levarase a cabo a reconstrución e análise do incendio forestal de Baleira (Lugo) e, tras unha pausa, amosaranse as últimas novidades introducidas no sistema de extinción en Galicia, no que atinxe ao Semop (Sistema Estrutural de Mando Operativo), a UDEX (Unidade de Directores de Extinción, creada no 2023 e centrada na xestión dos grandes lumes) e o Xeocode-Lite.  

Os traballos da mañá pecharanse cunha análise do incendio de Trabada (Lugo), en especial sobre a súa evolución e a aplicación do devandito Semop. Xa pola tarde, desenvolverase unha mesa redonda arredor das operacións en lumes forestais. 

Por último, o xoves 30 este II Congreso Interlumes pecharase cunha sesión titulada “revolución nos medios aéreos, presente e futuro”, na que expertos galegos, castelán-leoneses, andaluces e estremeños explicarán a súa experiencia sobre a loita contra os incendios dende o aire. Así mesmo, intervirán tamén especialistas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) e da sociedade estatal Senasa, dedicada ao asesoramento aeronáutico. O evento será clausurado polo director xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, Manuel Rodríguez. 

O proxecto europeo Interlumes

Este II Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes enmárcase dentro das accións do proxecto europeo Interlumes, que ten por obxectivo fundamental reforzar a capacidade operativa de resposta na extinción de incendios forestais na fronteira de España e Portugal.

 

Para iso, a través desta iniciativa estanse a mellorar e reforzar os medios existentes de prevención e extinción de incendios. Entre eles destaca a futura base aérea transfronteiriza que estará situada en terreos dos municipios ourensáns de Verín e Oímbra. Tamén se avanza na definición dun protocolo de actuación conxunta e xestión compartida de medios e modelos de actuación na defensa contra o lume que dea homoxeneidade ás actuacións que in situ se levan a cabo na fronteira.

 

Interlumes conta tamén con accións encamiñadas a sensibilizar á poboación contra os riscos que provocan os incendios forestais e avanza na formación especializada dos axentes que interveñen das diferentes comunidades e países na extinción de incendios, con congresos como este, que na súa primeira edición tivo lugar tamén en Silleda hai agora un ano. 

Simulacro Pesca 1

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado polo subdirector xeral de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, asistirán ao simulacro do helicóptero Pesca 1, con base en Vigo, no que se reproducirá unha manobra de evacuación no entorno do hipódromo do recinto feiral. Unha vez finalizado, se realizará unha presentación estática en terra da aeronave.

Data de actualización: 27/11/2023