A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a compañía situada no polígono industrial de Vidrieiro

A Xunta apoia cunha axuda de preto de 99.000 euros a adquisición dunha máquina de corte de alta precisión na empresa eumesa Tumbadoiro

A través desta convocatoria da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), o Goberno galego busca contribuír a adquisición de maquinaria no rural e promover novas actividades empresariais en aldeas modelo
 

Trátase dun dos 70 proxectos en actividades non agrícolas no medio rural beneficiarios dunha achega total de 2,6 millóns de euros

Pontedeume (A Coruña), 27 de novembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, informou esta mañá da resolución das axudas para proxectos de investimentos en actividades non agrícolas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), durante unha visita ás instalacións da empresa Tumbadoiro, en Pontedeume, beneficiaria desta convocatoria. A través desta orde a Consellería do Medio Rural busca apoiar a adquisición de maquinaria no rural e promover novas actividades empresariais en aldeas modelo.

Acompañada da xerente da empresa especializada no sector do metal, Sonia García, a delegada territorial coñeceu o funcionamento dunha máquina de corte por fío CNC (control numérico computerizado) de alta precisión adquirida cunha achega autonómica de 98.500 euros. Unha ferramenta que, tal e como explicou a responsable da firma, permítelles producir pezas de engrenaxes e baixo plano de maior complexidade, de xeito totalmente autónomo, con máxima precisión e reducindo notablemente os tempos de execución.

Ademais especificou que estas vantaxes tradúcense nunha maior seguridade para os traballadores e unha redución dos custos de produción, estimada nun 20%, o que conleva o incremento da competitividade da empresa.

Aneiros destacou que a través destas axudas a Xunta “busca reforzar o tecido empresarial no medio rural, coa finalidade de xerar as condicións necesarias para crear e consolidar emprego e afianzar poboación nas zonas rurais”.

O da empresa eumesa é un dos 70 proxectos beneficiarios da convocatoria deste ano cunha axuda total de 2,6 millóns de euros. Este orzamento está cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

Data de actualización: 27/11/2023