A Xunta amplía con 5,4 M€ máis o crédito de axudas deste ano ao emprendemento e ao emprego autónomo para atender o maior número de solicitudes posibles

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dúas ampliacións de orzamento: 1,5 millóns máis para os apoios ao emprendemento para financiar investimentos de novos proxectos empresariais; e 3,9 millóns máis para o programa Impacto Autónomo

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dúas ampliacións de créditos de dous programas da Xunta destinados a apoiar o emprendemento e o emprego autónomo en Galicia para poder atender o maior número de solicitude posibles. En total, son 5,4 millóns de euros para axudar ás persoas emprendedoras e aos traballadores autónomos galegos que solicitaron este ano estes apoios.

Amplíase, dunha banda, con máis do 20% a liña de apoios ao emprendemento, iniciada o ano pasado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para axudar ás persoas e empresas que comezaron a súa actividade hai menos de tres anos, con achegas de ata 30.000 euros para axudalas cos investimentos iniciais realizados. Este programa contará, deste xeito, con máis de 8,5 millóns de euros fronte aos 7 millóns iniciais que se convocaron o pasado mes de xullo.

Con esta iniciativa benefícianse a pemes, persoas traballadoras autónomas, sociedades cooperativas e laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego, que teñan iniciado a súa actividade desde o 1 de xaneiro de 2021 (ou máis tarde) e permanezan en activo.

A Xunta de Galicia outorga estas axudas para financiar investimentos tales como  adquisicións (debidamente xustificadas mediante factura) de equipamento informático, equipos de segunda man ou mobiliario e tamén as melloras da eficiencia enerxética ou de reforma e/ou habilitación de locais, entre outros gastos.

Os pagamentos varían en función da intensidade do investimento realizado. Oscilan así, como na anterior convocatoria, desde os 3.000 euros para o mínimo investimento a financiar (de 5.000 euros) ata os 30.000 euros para a máxima (100.000 euros).

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, doutra parte, unha ampliación de crédito de 3,9 millóns de euros para o programa Impacto Autónomo, unha liña de axudas pioneira este ano que contará finalmente con preto de 40 millóns de presuposto.  

Estes apoios de entre 800 euros e 1.500 euros son directos ás persoas traballadoras autónomas para minimizar o impacto da suba dos custos das materias primas e das subministracións, das persoas traballadoras por conta propia e das microempresas. 

Con esta política, a Xunta dá cumprimento ao seu compromiso de seguir a impulsar iniciativas de emprendemento e de emprego autónomo, para que incrementen a súa actividade e contribúan ao  mantemento de empregos de calidade.  

Ligazóns ás ordes no DOG:
 

DOG 225 do 27/11/2023 - ORDE do 22 de novembro de 2023 pola que se fai pública a ampliación da dotación orzamentaria para a concesión das axudas da Orde do 28 de decembro de 2022, pola que se establecen as bases reguladoras do programa Impacto Autónomo e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR890A). (xunta.gal)

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2023