A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou as obras para a adecuación deste espazo

A Xunta destina 370.000 € na reforma da piscina do albergue xuvenil de Marina española

As actuacións están actualmente en execución e, previsiblemente, estarán rematadas para a vindeira campaña de verán

Sada (A Coruña), 27 de novembro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou nos últimos días as obras que se están a realizar no albergue xuvenil Marina Española para a reforma da piscina, unha actuación moi agardada polos usuarios destas instalacións. A Xunta está a destinar a esta medida un orzamento de 370.000 euros que permitirán recuperar este espazo.  

Durante as fins de semana deste mes de novembro estas instalacións están a acoller o programa Outono Xove, da Xunta de Galicia. Unha oferta de tempo libre educativo dirixido á mocidade galega de entre 14 e 30 anos. No marco desta iniciativa ofrécense 900 prazas en distintas actividades de fin de semana que procuran desestacionalizar a oferta de tempo libre para a xuvenil máis alá da campaña de verán.  

Ademais, a tradicional campaña de verán tamén ofrece campamentos neste albergue xuvenil, de feito, é un dos máis demandados polos máis novos debido á súa excelente localización. As obras de mellora na piscina están actualmente en execución, de maneira que estarán rematadas para a vindeira campaña de verán para ser empregada xa pola mocidade que elixa este campamento.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2023