Unha delegación do Salvador visita Galicia para coñecer o funcionamento do seu sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola

A xira, organizada polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, levará aos representantes da administración e das cooperativas salvadoreñas a visitar confrarías de pescadores, lonxas, centros de formación e de investigación

A visita culminará o venres cunha reunión con responsables da Consellería do Mar para coñecer os detalles da xestión e da regulación e medidas de fiscalización que rexen para estes sectores
 

Vigo, 26 de novembro de 2023

Unha delegación formada por un representante da administración pesqueira do goberno do Salvador e dous da Confederación Salvadoreña de Pesca, Acuícola e Agropecuaria visitarán esta semana Galicia co obxectivo de coñecer de cerca o funcionamento dos sectores pesqueiro, acuícola e marisqueiro.

Organizada polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, a xira enmárcase dentro das actividades do proxecto ‘Mellorar as capacidades produtivas e de gobernanza do sector da pesca artesanal salvadoreña desde un enfoque de inclusión, sostibilidade e resiliencia ecolóxica” que, financiado pola Xunta de Galicia a través de Cooperación Galega, está liderado pola organización Asemblea de Cooperación Por la Paz (ACPP).

A visita prolongarase desde o luns 27 de novembro ata o venres 1 de decembro, día en que a delegación salvadoreña será recibida polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, para a continuación manter un encontro con responsables da Consellería a fin de coñecer os detalles da regulación, xestión e medidas de fiscalización que rexen para a pesca, o marisqueo e a acuicultura en Galicia.

Nos días previos a esta reunión en Santiago sucederanse as visitas a confrarías de pescadores, lonxas, centros de formación ou de investigación, iniciándose o luns 27 cunha recepción na sede da Fundación Cetmar en Vigo. Esta primeira xornada inclúe ademais unha visita a unha embarcación de Gardacostas de Galicia e a unha empresa de enxeñería naval, para rematar pola tarde no Centro de Formación A Aixola, no Porto de Marín.

A axenda organizada polo Centro Tecnolóxico do Mar prevé para o martes 28 unha xornada de traballo na Confraría de Lourizán e na lonxa de Campelo, en Pontevedra, e un taller de traballo para identificar sinerxías entre o sector marisqueiro e de pesca artesanal do Salvador e de Galicia.

A xira continuará o mércores 29 en Vigo, onde están programadas visitas ao Porto e ao Mercado do Calvario, mentres que o xoves 30 a delegación do Salvador viaxará á Illa de Arousa para visitar as instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura e a Confraría, onde poderán visitar embarcacións de marisqueo a flote e da pesca artesanal. Esta xornada concluirá cunha inmersión na cultura marítima da man da asociación cultural Dorna.

A delegación salvadoreña está conformada por Edgar Ferman Palacios, director xeral do Centro de Desenvolvemento da Pesca e Acuicultura (Cendepesca), do Ministerio de Agricultura e Gandería (MAG) do Salvador; por José Santos, presidente da Confederación Salvadoreña de Pesca, Acuícola e Agropecuaria (Confepesca) e presidente da Federación de Cooperativas Acuícolas de La Paz (Fecoopaz) e Rosa Sandoval, secretaria do Consello de Administración y membro do comité de xestión de cooperación en Confepesca.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 26/11/2023