O conselleiro do Medio Rural inaugurou a I Noite Galega da Enxeñaría Agronómica, organizada pola fundación Enxeñaría Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia

A Xunta avanza que os primeiros espazos agrarios de experimentación serán postos en marcha no 2024

Na súa intervención, o titular do Medio Rural indicou que a posta en marcha do primeiro espazo será na aldea modelo de Muimenta, en Carballeda de Avia, cuxa orientación estará dedicada á horta en ecolóxico

Lembrou todo o traballo desenvolto dende o 2021 arredor da Lei de recuperación de terra agraria de Galicia e os instrumentos de mobilización que nela se regulan

Tamén puxo de relevo a figura das concentracións parcelarias e lembrou o Manual para a integración ambiental e paisaxística da reestruturación parcelaria, froito da colaboración entre a Consellería e o Colexio de Enxeñeiros Agrónomos

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés, Santé, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou na inauguración da I Noite Galega da Enxeñaría Agronómica, organizada no Hostal dos Reis Católicos pola fundación Enxeñaría Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia. Na súa intervención, o titular do Medio Rural avanzou que os primeiros espazos agrarios de experimentación serán postos en marcha no vindeiro 2024.

Precisamente, a posta en marcha do primeiro espazo será na aldea modelo de Muimenta, en Carballeda de Avia, cuxa orientación estará dedicada á horta en ecolóxico. Espazos coma este, segundo explicou, pretenden facilitar que as persoas mozas ou emprendedoras poidan probar o seu negocio nunha contorna favorable, favorecendo a remuda xeracional e a fixación de poboación no noso rural.

Así mesmo, José González lembrou todo o traballo desenvolto ao redor da Lei de recuperación de terra agraria de Galicia e os instrumentos de mobilización que nela se regulan. Unha Lei cuxa configuración, ademais, estivo marcada pola colaboración por parte do Colexio de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia a través de diversas aportacións durante o trámite parlamentario, mediante a divulgación do contido da norma -unha vez aprobada- e, na actualidade, axudando na súa implementación.

Nesta liña, José González incidiu no acordo marco para a contratación da primeira fase dos traballos para a posta a punto dos polígonos agroforestais, publicado neste 2023 cun orzamento de 3,6 millóns, e que tamén conta para o seu desenvolvemento con profesionais titulados do Máster en Enxeñaría Agronómica ou de Montes e graduados en Enxeñaría Agrícola Forestal.

35.000 hectáreas mobilizadas nesta lexislatura

Sobre as repercusións da Lei de recuperación, o titular do Medio Rural destacou que esta norma, xunto coa Lei de mellorada estrutura territorial de Galicia -coloquialmente coñecida como Metaga-, permitiu mobilizar xa máis de 35.000 hectáreas dende o 2020 na comunidade galega. Así, Galicia xa conta con 21 aldeas modelo declaradas, que suman unha superficie de máis de 574 hectáreas, e 26 polígonos agroforestais de iniciativa pública en distintas fases de execución, que suman máis de 9.100 hectáreas recuperadas.

Sen esquecer as permutas de especial interese agrario, ferramentas clave para a reestruturación da propiedade baseadas sempre nun intercambio consensuado, bilateral e recíproco, asegurou o conselleiro. Neste sentido, no vindeiro 2024 o Goberno galego seguirá apostando pola aplicación e desenvolvemento desta lexislación, cun investimento superior aos 7,3 millóns de euros co obxecto de continuar co traballo feito ata o momento.

Desenvolvemento do catálogo de usos agropecuarios e forestais

O titular do Medio Rural tamén puxo de relevo a figura das concentracións parcelarias que, segundo explicou, é un puntal fundamental no que apoiar unha actuación integral, que optimiza todas as liñas de inversión facilitadas pola Administración e permite o despegue definitivo socioeconómico do campo galego. Así, lembrou o Manual para a integración ambiental e paisaxística da reestruturación parcelaria, froito da colaboración entre a Consellería do Medio Rural e o Colexio de Enxeñeiros Agrónomos, que vén de presentarse no pasado mes de outubro.

Nesta liña, José González destacou o éxito desta figura, coa que xa se entregaron milleiros de títulos de propiedade. Só dende o 2020, xa son 29 parcelarias as rematadas ata o momento, abarcando unha superficie de máis de 19.500 hectáreas e beneficiando máis de 14.000 propietarios, que recibiron preto de 31.000 títulos de propiedade. Mais tamén puxo a vista nos títulos que quedan por entregar, pois son 29 as novas concentracións decretadas entre os anos 2021 e 2023 dende a aprobación da Metaga.

Por último, o conselleiro lembrou que este 2023 darase remate ao primeiro paso do desenvolvemento do Catálogo de usos agropecuarios e forestais de Galicia, a planificación por excelencia dos usos agroforestais. Un punto de inflexión para seguir avanzando na recuperación da terra agraria de Galicia, asegurou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2023