A Xunta pon en valor a contribución da ciencia cidadá a un mellor coñecemento de espazos naturais como o complexo dunar de Corrubedo

Ribeira acolleu hoxe un encontro coa participación de distintas entidades sociais para mostrar o papel do público en xeral na obtención de datos e información sobre o estado co Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán

Estas organizacións convértense en importantes activos que favorecen a creación dun escenario aberto e transversal no que as interaccións entre ciencia, sociedade e política ambiental permiten mellorar a toma de decisións
 

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2023

A Xunta defende a importante contribución da ciencia cidadá a un mellor coñecemento dos espazos naturais da comunidade e á protección tanto da flora como da fauna. Por iso, o Executivo galego celebrou hoxe en Ribeira unha xornada divulgativa sobre a ciencia cidadá no Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán para poñer en valor o papel vital que teñen a sociedade e o público en xeral no estudo e análise da súa contorna.

Neste encontro participaron distintas entidades e organizacións cidadás que contribúen activamente á ciencia -tanto co seu esforzo intelectual como coas ferramentas e recursos ao seu alcance- e que mostraron aos asistentes os resultados obtidos froito do seu intenso estudo de diferentes ámbitos do parque natural, como o estado das poboacións de aves, coleópteros, bolboretas ou fauna mariña. 

Estes axentes convértense en importantes activos pois recollen datos que poden ser empregados polos investigadores e científicos dando como resultado un escenario aberto e transversal no que as interaccións entre ciencia, sociedade e política ambiental contribúen a mellorar a toma de decisións. Ese labor tamén axuda a espertar a vocación científica do conxunto da sociedade ao fomentar un maior compromiso social.

Os voluntarios aportan así valor á investigación, adquiren novos coñecementos ou habilidades e achéganse ao método científico de maneira atractiva. De feito, xornadas como a celebrada no auditorio do Centro de Recepción de Visitantes Casa da Costa de Ribeira permiten intercambiar experiencias e avanzar no coñecemento dos distintos aspectos que a ciencia cidadá está a analizar na actualidade.

O complexo dunar

O ámbito do parque natural de Corrubedo é un bo campo de estudo para todos os interesados na natureza pois trátase dun sistema dunar único en toda Galicia que ten asociadas as lagoas de Carregal e Vixán. Este espazo conta coa presenza de diversos hábitats litorais como os ambientes dunares, praias, rochedos, litorais ou marismas que o fan singular e especialmente atractivo.

A maiores hai abundante presenza tanto de fauna -entre a que hai especies de aves destacables como o alcaraván común ou a píllara- como de flora, incluídas variedades de plantas endémicas, raras ou ameazadas ou cun valor floral ou bioxeográfico singular. 

Data de actualización: 25/11/2023