Agustín Reguera felicita o gran traballo dos brigadistas no 25 aniversario da base de helicópteros do Campiño

A base organizou unha xornada de portas abertas na que convidaron ao alumnado do Colexio Sagrado Corazón de Pontevedra

O delegado da Xunta destacou o labor imprescindible que levan a cabo os traballadores das bases e que cada verán salvan miles de hectáreas de monte galego
 

Pontevedra, 24 de novembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na Xornada de Portas Abertas polo 25 aniversario da base de helicópteros do Campiño.

Na xornada participaron tamén decenas de alumnos do Colegio Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra que aproveitaron a ocasión para coñecer de primeira man o traballo dos profesionais que velan polo coidado dos nosos montes.

O delegado territorial coñeceu as instalacións da base e mostrouse interesado polo funcionamento dos distintas ferramentas que os profesionais teñen á súa disposición para facer fronte aos lumes, en concreto o helicóptero que ten capacidade para trasladar máis dunha tonelada de auga e que ten unha función imprescindible na maioría de extincións no monte.

Reguera foi o encargado ademais de entregar un distintivo en conmemoración dos 25 anos de servizo desta base aos alumnos do Colexio Sagrado Corazón, antes de recibir el mesmo esta lembranza de mans do responsable da base, Xosé Bieito Rodríguez Carballo.

O acto rematou coa presentación dun libro editado polos traballadores da base en colaboración coa Xunta e que recolle os 25 anos de historia deste espazo, facendo un repaso polas principais actuacións efectuadas ao longo dos anos.

O delegado territorial tomou a palabra para poñer en valor o “papel imprescindible” de todos os profesionais que cada ano “se xogan a vida por defender os nosos montes”. Ademais, destacou o perfecto estado no que se atopa a base, que no seu momento foi construída polos propios traballadores, e que é “un gran centro de operacións”.

Reguera rematou a visita agradecendo a todos os presentes o seu traballo e augurando outros 25 anos dun “excelente servizo aos galegos e ao seu patrimonio natural”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2023