O director do Instituto de Estudos do Territorio participou hoxe na entrega destes galardóns en Tomiño

A Xunta salienta o compromiso dos 38 concellos recoñecidos cos premios Vilas en flor coa protección paisaxística, ambiental e natural de Galicia

Enrique de Salvador destaca a relevancia de que os concellos pequenos tamén se beneficien da posta en valor das súas paisaxes xa que é un activo fundamental tanto a nivel ambiental como económico xa que é un innegable atractivo turístico

Tomiño (Pontevedra), 24 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia salienta o compromiso dos 38 concellos galardoados este ano cos premios Vilas en flor coa protección dos valores paisaxísticos, ambientais e naturais da Comunidade.

Durante o acto de entrega destes premios, o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, recoñeceu o esforzo desenvolvido por estes concellos a prol da mellora do medio ambiente e da calidade de vida dos seus veciños a través de proxectos de axardinamento e ornamentación floral.

De feito, Vilas de flor, unha iniciativa na que colabora a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, supón un importante recoñecemento á revitalización de espazos e servizos públicos mediante actuacións en torno a eixos como a conservación e o impulso do patrimonio vexetal e paisaxístico; o respecto polo medio ambiente e a sostibilidade, o uso social dos espazos públicos, e as sinerxías coa actividade turística.

De Salvador subliñou que a Xunta comparte o interese dos concellos pola mellora dos espazos públicos e pola súa xestión sostible. Así, lembrou que o distintivo Bandeira Verde de Galicia, que se entrega anualmente desde 2020, tamén enxalza as prácticas máis respectuosas dos concellos en canto á protección do medio ambiente, a loita contra o cambio climático, a eficiencia enerxética e a xestión dos residuos.

A maiores, o director do IET destacou a relevancia de que os concellos pequenos tamén se beneficien da posta en valor das súas paisaxes xa que é un “activo fundamental tanto a nivel ambiental como económico xa que é un innegable atractivo turístico”.

Nese senso, puxo en valor as axudas para a corrección de impactos paisaxísticos que a Xunta convoca desde o ano 2021 para colaborar con concellos e particulares no fomento do fermosismo. Nesa liña, dada a boa acollida desta iniciativa nos últimos anos, o orzamento da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para 2024 destina 2 millóns de euros a unha nova convocatoria destas axudas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2023