Lorenzana avalía co alcalde de Vilanova de Arousa diferentes proxectos para impulsar o tecido industrial e comercial do municipio

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro co rexedor, Gonzalo Durán, no que se informou dos diferentes apoios da Administración autonómica para a competitividade dos polígonos empresariais

Tamén se salientou a oportunidade que supón a próxima reforma da praza de abastos para a obtención do selo autonómico de Mercado Excelente

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo esta mañá en Santiago de Compostela un encontro co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, no que se avaliaron diferentes proxectos para impulsar o tecido industrial e comercial do municipio.

Neste sentido, durante a xuntanza Lorenzana informou ao rexedor do municipio pontevedrés dos diferentes programas de apoio que a Administración autonómica pon en marcha cada ano para impulsar a competitividade dos polígonos empresariais.

Entre outros asuntos, na reunión tamén se salientou a oportunidade que supón a próxima reforma da praza de abastos da localidade, que vén de obter apoios do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través dos fondos europeos Next Generation, para a obtención do selo de Mercado Excelente, co que a Administración autonómica recoñece a calidade destas infraestruturas clave para o comercio local.

No encontro avaliouse a complementariedade dos apoios estatais coas diferentes medidas da Xunta para o fomento dunha Rede de Mercados Excelentes de Galicia e a dinamización das prazas de abastos, destinadas tanto a concellos como a asociacións profesionais de praceiros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2023