O delegado territorial da Xunta en Ourense participou na ‘4ª Gala da Igualdade – Medrando coa Música en Igualdade’, en Verín

Gabriel Alén recalca a contribución da música a prol da prevención da violencia de xénero

Gabriel Alén manifestou que a música é capaz de espertar emocións; un instrumento eficaz para comunicarse e destacou aquelas cancións comprometidas cunha sociedade libre de violencia de xénero, cancións que fomenten a igualdade e traten ás mulleres de forma respectuosa e igualitaria

O delegado territorial subliñou que poñer fin á violencia contra as mulleres e as súas fillas e fillos, así como aos seus familiares máis achegados, é un obxectivo irrenunciable e prioritario

A Xunta traballa para sensibilizar á mocidade para previr as violencias sexuais en todas as súas manifestacións
 

Ourense, 24 de novembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse este será a Verín para participar na 4ª Gala da Igualdade – Medrando coa Música en Igualdade, organizada pola Anpa do Conservatorio Profesional de Música.

O delegado territorial sinalou que crear unha sociedade libre de calquera violencia exercida sobre as mulleres é un dos obxectivos que debemos acadar como cidadáns porque será a única vía para acadar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.

Gabriel Alén destacou que poñer fin á violencia contra as mulleres e as súas fillas e fillos, así como aos seus familiares máis achegados, é un obxectivo irrenunciable e prioritario. A Xunta de Galicia, por medio do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, -continuou o delegado territorial- “segue na acción de loita contra este problema e quere animar a todas as galegas e galegos a tomar conciencia pública co único obxectivo de acadar unha sociedade libre de violencia”.

Para o representante do Goberno galego “a implicación de todos os axentes da sociedade é fundamental para acadar o noso obxectivo, cada acto é un paso máis”. Por iso -continuou o delegado territorial- “a música é capaz de espertar emocións, é un instrumento eficaz para comunicarse e mesmo se pode utilizar en terapia. Son múltiples os beneficios da música, e por iso queremos destacar aquelas cancións comprometidas cunha sociedade libre de violencia de xénero, cancións que fomenten a igualdade e traten ás mulleres de forma respectuosa e igualitaria”.

A Xunta traballa para sensibilizar á mocidade para previr as violencias sexuais en todas as súas manifestacións. A erradicación da violencia sexual pasa pola educación e a sensibilización social. Nese obxectivo actúase de xeito transversal; impartindo educación afectivo-sexual en toda a etapa escolar; coa Estratexia Galega de Convivencia para detectar e tratar as violencias detección e o tratamento das violencias; cos Plans de innovación educativa como o Proxecta que abordan a educación en valores de xeito curricular; coa posta en marcha co proxecto Fénix (coa Asociación Alar) para a intervención integral con menores con condutas agresivas e coa Fundación Meniños estase a prestar intervención terapéutica a menores vítimas de violencia de xénero.

Os recursos

Galicia é referente por dispor de achegas periódicas para as mulleres vítimas da violencia de xénero de ata 800 euros durante 12 meses. Son pagamentos que se poden solicitar en calquera momento do ano.

As axudas de pagamento único, pola súa banda, dotan ás vítimas con poucos recursos e dificultades para acceder ao emprego, cunha contía equivalente a seis meses do subsidio de desemprego.

A Administración autonómica apoia tamén ás persoas que, no eido da violencia de xénero, teñen recoñecidas indemnizacións económicas por sentenza xudicial (55.000 euros), e non as están a percibir polos danos e prexuízos causados, téndose concedido ata o día de hoxe un total de cinco. Existe outra liña de indemnizacións económicas dirixida ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, así como ás mulleres gravemente feridas con achegas de 7.000 euros para os beneficiarios.

A loita contra a violencia de xénero é un compromiso que a Xunta de Galicia enfronta de xeito transversal. Así, cada ano colabora coas entidades locais e organizacións sen ánimo de lucro para incentivar a contratación de mulleres vítimas da violencia de xénero.

En colaboración co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), a Xunta de Galicia destina fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero ao Bono alugueiro.

 
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2023