Román Rodríguez refírese á industria cultural como “sinónimo de xeración de riqueza e dinamización profesional”

O conselleiro de Cultura asiste ao encontro ‘Como reducir a factura fiscal grazas á inversión en cultura’ organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia

“Apostar pola cultura é facelo polo avance, a innovación, a industria, a arte, o recoñecemento internacional e a mellora colectiva de Galicia”, salienta
 

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe en Santiago no encontro Como reducir a factura fiscal grazas á inversión en cultura organizada, pola Confederación de Empresarios de Galicia, onde compartiu con representantes do tecido empresarial a actual situación do panorama cultural.

Na súa intervención, o responsable autonómico de Cultura referiuse á industria cultural como “sinónimo de xeración de riqueza e dinamización profesional”. “O sector cultural é un dos máis notables atractivos dos que dispón Galicia pola súa capacidade para a promoción global da nosa Comunidade e o seu potencial na creación de riqueza e emprego dando traballo a máis de 35.000 profesionais”, explicou Román Rodríguez.

Neste senso, animou a incentivar as achegas privadas neste sector “caracteristicamente dominado polo apoio público e que precisa da contribución de toda a sociedade para posibilitar moitos proxectos”. “Apostar pola cultura é facelo polo avance, a innovación, a industria, a arte, o recoñecemento internacional e, en definitiva, a mellora colectiva de Galicia”, engadiu o conselleiro. 

Esta cita, organizada pola Confederación de Empresarios de Galicia, serviu para explicar os diferentes incentivos fiscais que se xeran pola rodaxe de obras audiovisuais nos diferentes territorios de España e contou coa participación de Patricia Motilla, experta en asesoramento a empresas do sector audiovisual e responsable da conferencia inaugural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2023