A Xunta anuncia que o Centro de Saúde de Lobios contará nas vindeiras semanas cun novo médico de familia

A convocatoria de máis de 400 prazas, realizouse a través da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura, aprobada o pasado outubro no Parlamento

No transcurso da reunión tiveron ocasión de avaliar as obras de reforma levadas a cabo no centro de saúde da localidade grazas ao convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Sanidade e o Concello cun investimento de 56.000 € e que consistiron na implantación dun sistema de climatización

Desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal
 

Ourense, 24 de novembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén e o xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Ruibal reuníronse coa alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez para anunciarlle que o centro de saúde da localidade contará cun novo médico de familia, nas vindeiras semanas, unha vez que se resolva o novo concurso de méritos para cubrir prazas de difícil cobertura.

A convocatoria de máis de 400 prazas, realizouse a través da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura, aprobada o pasado outubro no Parlamento co voto en contra de BNG e PSdeG.

Esta lei incentiva a cobertura destas prazas ao ofrecer o maior nivel de estabilidade laboral, obtendo unha praza fixa en propiedade, cun sistema de acceso máis sinxelo e áxil: un concurso de méritos que non require exame de oposición e que se resolve nuns meses.

A alcaldesa lamenta a postura de PSdeG e BNG, que se opuxeron á lei que vai permitir incorporar este novo persoal á sanidade do concello.

Obras de reforma no centro de saúde

No transcurso da reunión tiveron ocasión de avaliar as obras de reforma levadas a cabo no centro de saúde da localidade grazas ao convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Sanidade e o concello cun investimento de 56.000 € e que consistiron na implantación dun sistema de climatización para salvar as demandas térmicas de refrixeración e calefacción das diferentes estancias do centro de saúda da localidade. Dispón así de sistema de bomba de calor de caudal variable, composto por unidade exterior e unidade interior para climatizar as diferentes estancias, así como o sistema de control individual para cada unha delas.

Colaboración cos concellos

A Xunta continúa colaborando cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Así, desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

No orzamento do 2023 a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,6 millóns de euros a partida –un 8%-. En particular, o Concello de Lobios recibiu no 2023 a cantidade de 12.140 € euros para financiar o mantemento desta instalación sanitaria.

Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2017 máis de 17 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2023