O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asistiu ao inicio do curso en Ferrol

A Xunta reforza o seu compromiso con Ategal para fomentar un envellecemento activo

O Goberno galego destina este ano 190.000 euros a esta entidade para a posta en marcha de cursos en distintas áreas como historia, pintura, ximnasia ou visitas culturais

Ferrol, 24 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia reforzou este ano o seu compromiso coa Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal) para fomentar un envellecemento activo entre as persoas maiores. O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, acompañado da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asistiu hoxe á inauguración de curso desta entidade na aula de Ferrol.

O director xeral lembrou que a Xunta destina máis de 190.000 euros á posta en marcha de actividades de formación dirixidas a maiores por toda Galicia, un 25% máis que o ano pasado. As propostas dirixidas ás persoas maiores van desde seminarios de historia, de lingua ou literatura; obradoiros de debuxo, manualidades ou teatro; ximnasia e obradoiros de memoria; así como a organización de viaxes de fin de curso e asistencia a concertos e outros encontros lúdicos.  

Antón Acevedo apuntou que o Goberno galego aposta por ofrecerlle ás persoas maiores alternativas para vivir esta etapa das súas vidas de forma plena. Neste sentido, fixo fincapé na posta en marcha o vindeiro ano do Carné +65 que se lle enviará a todas as persoas maiores de 65 anos de Galicia para que poidan desfrutar de descontos e outras vantaxes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2023