O delegado territorial da Xunta desprazouse ao IES O Ribeiro para ser testemuña do desenvolvemento do Obradoiro de Ilustración Científica

Gabriel Alén chama á sensibilización do uso do galego na divulgación científica

O delegado territorial destacou que este tipo de actividades, impulsadas pola Xunta de Galicia, teñen como obxectivo a sensibilización sobre o valor de empregar o galego na divulgación científica, coincidindo co Mes da Ciencia en Galego

Gabriel Alén subliñou a importancia destas iniciativas que axuda a “dar a coñecer e prestixiar a ciencia” a través da rede de bibliotecas e con “recursos cos que contamos para divulgar ciencia en galego e achegar á cativada a este campo na nosa lingua”

Para apoiar a conmemoración do mes de novembro como Mes da Ciencia en Galego, hai aberto un portal cunha selección de materiais científicos, así como unha colección de libros informativos en galego

Ourense, 24 de novembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao IES O Ribeiro para ser testemuña do desenvolvemento do Obradoiro de Ilustración Científica, a cargo do acuarelista coruñés José Arcas, que se leva a cabo neste centro educativo coa colaboración co Club de Ciencias.

O delegado territorial destacou que este tipo de actividades, impulsadas pola Xunta de Galicia, teñen como obxectivo a sensibilización sobre o valor de empregar o galego na divulgación científica, coincidindo co Mes da Ciencia en Galego, durante o que se desenvolverán máis dunha trintena de actividades nas bibliotecas da rede pública da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, así como nas bibliotecas escolares.

Gabriel Alén subliñou a importancia destas iniciativas que axuda a “dar a coñecer e prestixiar a ciencia” a través da rede de bibliotecas e con “recursos cos que contamos para divulgar ciencia en galego e achegar á cativada a este campo na nosa lingua”.

Puxo en valor o representante do Goberno galego a posta en marcha de variadas iniciativas relacionadas coa ciencia, como é o caso da creación do Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE) para procurar a integración das ciencias e das humanidades a través de diversas actividades e de actualización da colección das bibliotecas dos centros educativos galegos.

Neste sentido, para apoiar a conmemoración do mes de novembro como Mes da Ciencia en Galego, hai aberto un portal cunha selección de materiais científicos, así como unha colección de libros informativos en galego. Outras das iniciativas que impulsa a Consellería, relacionadas coa divulgación da ciencia en galego, son o proxecto Biblioteca Creativa e metodoloxías activas e traballos por proxectos.

Ademais, o interese polas actividades relacionadas co mundo da ciencia e da tecnoloxía é unha realidade que se evidencia cada vez máis nos centros educativos, un labor co que contribúen os equipos de dinamización da lingua galega e bibliotecas escolares. Entre as propostas máis salientables destacan as charlas, congresos, exposicións, audiovisuais, podcasts, guías de lectura e revistas, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2023