O conselleiro do Medio Rural presidiu na Quinta da Auga en Santiago, a entrega dos premios da XXVI Cata dos Queixos e da XXII Cata dos Meles de Galicia

A Xunta destina 400.000 euros á campaña “Os catro grandes de Galicia” para promocionar o consumo de queixos con selo de calidade

José González presentou esta acción promocional, enmarcada dentro da aposta pola promoción dos produtos agroalimentarios de calidade, e para que a Consellería destinará 6 millóns de euros no 2024

Dentro do apoio ao sector, o titular do Medio Rural explicou que se está a traballar para incrementar as razas bovinas con aptitude leiteira dentro dos pregos dos consellos reguladores, co obxectivo de favorecer ao sector industrial e gandeiro

No próximo ano porase en marcha un Plan Apícola Galego, pioneiro na comunidade, cun orzamento de 1,4 millóns de euros para apoiar aos apicultores e apicultoras

O conselleiro tamén remarcou que os consellos reguladores contarán cun investimento por parte do goberno autonómico de 4,7 millóns de euros en axudas para gastos de funcionamento, control da calidade ou comercialización dos seus produtos

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presidiu este mediodía a entrega dos premios da XXVI Cata dos Queixos e da XXII Cata dos Meles de Galicia.

Na súa intervención no acto celebrado na Quinta da Auga, en Santiago, o conselleiro do Medio Rural cualificou este concurso de catas como un dos “eventos de referencia” para produtores e envasadores da comunidade, pero tamén, por suposto, para os consellos reguladores de queixos con denominación de orixe -San Simón da Costa, Cebreiro, Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa e Arzúa-Ulloa Curado- e o da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia presentes nestas catas e nas que houbo premiados por cada unha delas.

O panel de catas estivo integrado por 19 expertos que analizaron de forma “minuciosa”, como sinalou o conselleiro, as 54 mostras de 25 industrias de mel e as 47 de queixos pertencentes as 30 queixerías. Entre elas, seleccionáronse as mellores de cada categoría e o conselleiro do Medio Rural resaltou o labor que desempeñan e a súa capacidade de plasmar a tradición e a calidade do bo facer.

Impulsar o consumo de queixos galegos con selo de calidade

No marco deste acto, e dentro da aposta pola promoción da calidade dos nosos produtos, o conselleiro do Medio Rural presentou a campaña de promoción “Os Catro Grandes de Galicia”, que busca fomentar o consumo dos queixos galegos con certificación de calidade nestas datas.

Esta campaña, que conta cun investimento por parte do goberno autonómico de 400.000 euros, arrancará este domingo, 26 de novembro, e desenvolverase ata final de ano con presenza nun cento de medios de comunicación de ámbito local, provincial, autonómico e estatal, a través de creatividades, cuñas radiofónicas ou anuncios audiovisuais que sitúan aos queixos con denominación de orixe como sinónimo de tradición e calidade

Nesta mesma liña de proxectar máis as producións agroalimentarias galegas e co fin de salvagardar a súa calidade, o goberno galego destinará 6 millóns de euros no 2024 para configurar un Plan de promoción de produtos agroalimentarios galegos. Ademais, investiranse máis de 4,7 millóns de euros en axudas para os consellos reguladores en materia de funcionamento, control da calidade ou comercialización dos produtos.

Incremento das razas bovinas leiteiras nos pregos dos consellos reguladores

O conselleiro do Medio Rural sinalou que investir en promoción non só facilita a venta do produto, senón que permite exercer unha maior protección deste último. Ademais, incidiu en que as producións de calidade galegas teñen que asentarse sobre un sector primario “forte, consolidado, con garantías”.

José González destacou que a Xunta traballa arreo para seguir motivando o consumo das producións de calidade, un consumo “de garantías”. Por iso, explicou que se avanzará de xeito decidido polo incremento das razas bovinas con aptitude leiteira dentro dos pregos dos consellos reguladores, co obxectivo de que os sectores industrial e gandeiro poidan seguir medrando, garantindo a súa calidade.

Ademais, tamén resaltou a oportunidade de aproveitar o que representa o porcionado, colaborando cos consellos reguladores co obxectivo de investigar técnicas que garantan os criterios de excelencia destes produtos, facilitando alternativas de comercialización que propicien o desenvolvemento de novos canais e acceso a novos clientes.

Apoio ao sector primario

Na liña de apoiar ao sector primario, José González falou das estratexias sectoriais, en concreto da do sector lácteo que busca aumentar o peso das denominación de orixe de queixo galegas na transformación industrial láctea, adaptando os formatos e os envases ás novas demandas de consumo. Ademais, estas estratexias complétanse con outras para os sectores cárnico e vitivinícola.

Por outra banda, o titular de Medio Rural sinalou que no vindeiro ano se porá en marcha o Plan Apícola Galego cun investimento de 1,4 millóns de euros. Esta planificación, pioneira segundo resaltou José González na súa intervención, axudará aos apicultores e apicultoras, esencialmente, no relativo á loita contra as agresións das colmeas.

Xunto a estas iniciativas, o conselleiro tamén puxo en valor outras de carácter lexislativo que son fundamentais, como é a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que está favorecendo o crecemento da superficie útil da nosa comunidade e ten mobilizadas preto de 10.000 hectáreas a partires dos instrumentos de recuperación.

Por último, e como aposta definitiva pola calidade, singularidade, diferenciación, promoción e protección, atópase a futura Lei da calidade alimentaria de Galicia, que agora se atopa en trámite no Parlamento de Galicia. Esta normativa, explicou, permitirá asentar a produción de proximidade, san e sostible, e de calidade, vinculándoa ao mesmo tempo á recuperación e mobilización da terra.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2023