A Xunta licita por máis de 1,2 M€ as obras de mellora do firme en catro estradas da provincia de Ourense ao seu paso por sete concellos

Intervirase nas vías autonómicas OU-113, OU-114, OU-310 e OU-311, nos concellos da Mezquita, Castrelo do Val, Laza, Sarreaus, Verín, Vilardevós e Vilar de Barrio

As empresas teñen ata o 20 de decembro para presentar as súas ofertas a este contrato

Prevense adxudicar os traballos a finais do primeiro trimestre de ano para a súa execución entre a primavera e o verán

As intervencións consistirán na rehabilitación mediante o fresado e a reposición do firme, ademais do repintado das marcas viarias

Incluiranse outras actuacións adicionais, como a limpeza e reperfilado das marxes das estradas e a execución de gabias de seguridade

A Xunta continúa traballando para manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións e garantir a seguridade viaria, destinando o vindeiro ano 53 M€ á súa conservación

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe por 1.209.749 euros a execución das obras de mellora do firme nas estradas da provincia de Ourense  OU-113, OU-114, OU-310 e OU-311, nos concellos da Mezquita,

Castrelo do Val, Laza, Sarreaus, Verín, Vilardevós e Vilar de Barrio.

As actuacións, cun prazo de execución de 6 meses, comprenderán a mellora e acondicionamento do firme nestas catro estradas autonómicas da provincia ao seu paso polos sete municipios. As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o vindeiro 20 de decembro para presentar as súas ofertas.

A Xunta ten como obxectivo adxudicar os traballos a finais do primeiro trimestre de ano para a súa execución entre a primavera e o verán.

Os traballos licitados consiste na rehabilitación superficial do firme das vías autonómicas mediante o fresado e reposición do mesmo, completando as intervencións co repintado das sinalización horizontal.

Ademais, inclúense outras actuacións adicionais, como a limpeza e reperfilado das marxes das estradas e a execución de gabias de seguridade.

Os terreos necesarios para a execución das obras pertencen ao dominio público das estradas, polo que non será necesario expropiar novos terreos.

O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando o vindeiro ano 53 M€ á súa conservación.

Data de actualización: 24/11/2023