O delegado territorial da Xunta reuniuse esta mañá con representantes de medio cento de entidades deportivas

Gabriel Alén informa aos clubs de Ourense sobre o Bono Deporte de 120 euros para rapaces e rapazas federadas de 6 a 16 anos

O delegado territorial detallou que en total serán 120 euros por neno ou nena para a adquisición de material e equipamento deportivo ou a realización de actividades deportivas a través dun desconto do 80% de cada compra ata esgotar os 120 euros
 

O gasto poderá realizarse en establecementos comerciais, entidades deportivas ou prestatarios de servizos deportivos radicados en Galicia que se adhiran ao Bono
 

Gabriel Alén enmarcou a medida no traballo que está a facer a Xunta a prol do deporte en Galicia, como motor de saúde e de benestar; “a finalidade é axudar ás familias a asumir os gastos dos nenos e nenas que practican deporte”
 

A campaña do Bono Deporte contará cun orzamento global de 16,2 millóns de euros cunha previsión de que entre en vigor no mes de xaneiro

Ourense, 24 de novembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá nunha xornada informativa dirixida a clubs deportivos da provincia de Ourense para explicar os pormenores do Bono Deporte do que poderán beneficiarse os rapaces e rapazas de 6 a 16 anos con licenza federada ou inscritos no programa Xogade.

O delegado territorial detallou, diante do medio cento de entidades que responderon á convocatoria, que en total serán 120 euros por neno ou nena para a adquisición de material e equipamento deportivo ou a realización de actividades deportivas -a través dun desconto do 80% de cada compra ata esgotar os 120 euros-. Este gasto poderá realizarse en establecementos comerciais, entidades deportivas ou prestatarios de servizos deportivos radicados en Galicia que se adhiran ao Bono.

“O obxectivo desta xornada – destacou Gabriel Alén-  é divulgar esta nova medida entre as entidades e as familias, ante a previsión de que entre en vigor no mes de xaneiro”. Neste momento está aberto o proceso de selección da entidade colaboradora que participará na entrega e distribución das axudas; e o próximo mes aprobarase a orde para que os establecementos comerciais ou entidades prestadoras do servizo podan adherirse ao programa. A campaña do Bono Deporte contará cun orzamento global de 16,2 millóns de euros.

O delegado territorial enmarcou a medida no traballo que está a facer a Xunta a prol do deporte en Galicia, como motor de saúde e de benestar;  “a finalidade é axudar ás familias a asumir os gastos dos nenos e nenas que practican deporte”, dixo. Nesta liña referiuse ao incremento de case un 30 % das licenzas federadas rexistrado en Galicia en 2022 con respecto ao ano anterior, como mostra da boa marcha da práctica deportiva. 

O lanzamento do Bono Deporte enmárcase no compromiso da Xunta co deporte base e complementa outras medidas pioneiras en Galicia como o seguro gratuíto para participantes do programa Xogade, cun orzamento de 4,3 millóns ata 2024. Ademais, o orzamento récord de máis de 56 millóns de euros co que contará o deporte galego o vindeiro ano recolle 8 millóns de euros para apoiar o tecido asociativo e 17,5 millóns de euros para a creación e mellora de infraestruturas deportivas nas catro provincias galegas.

Na reunión desta mañá na Delegación Territorial tamén se informou dos diferentes programas da Secretaría Xeral para o Deporte co fin de apoiar ás entidades e aos deportistas galegos, como as ordes para mellorar infraestruturas, adquirir equipamento e realizar actividades; os convenios de patrocinio de probas ou eventos deportivos ou as axudas aos deportistas de alto nivel, entre outras.

Salientar que, para as dúbidas e suxestións existentes acerca do programa existe o enderezo electrónico: bonodeporte@xunta.gal.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2023