A Xunta axustará a vindeira semana as liñas de transporte público integrado de Vilagarcía de Arousa para mellorar o servizo ao IES de Carril

Redúcese en 20 minutos o tempo de viaxe anticipando a chegada dos escolares deste instituto ás súas casas os martes a mediodía, día que teñen clase pola tarde

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2023

A Xunta axustará desde a vindeira semana as liñas de transporte público integrado de Vilagarcía de Arousa para mellorar o servizo que prestan aos alumnos do IES de Carril.

As medidas aprobadas pola Xunta teñen como obxectivo que os escolares deste instituto conten con maior marxe de tempo para comer nos seus domicilios os martes, día que teñen clase pola tarde.

Para iso, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade revisou a duración e traxectos das distintas liñas que chegan aos institutos de zona, axustando aquelas nas que se detectaron este curso incidencias, derivadas da adscrición ao IES de Carril dos alumnos do CEIP A Escardia, que anteriormente se atendían na ruta ao IES Castro Alobre; así como pola inclusión de varias paradas que supuxeron cambios de itinerarios na ruta IES Carril-A Torre.

En concreto, para minimizar o tempo de viaxe a bordo do autobús e anticipar a chegada dos alumnos do IES Carril á súas casas os martes, trasládanse as paradas Guillán Praza, Guillán 2 e Guillán 3 da ruta IES Carril-A Torre á liña IES Carril-Caldihuela. Desta maneira redúcese a duración do traxecto da liña IES Carril–A Torre de 35 a 15 minutos e os alumnos chegarán aos seus domicilios con máis de tempo para comer.

Coa reorganización dos servizos aprobada, as paradas indicadas son trasladadas á ruta da liña IES Carril-Caldihuela cun itinerario máis axustado e próximo a Guillán, polo que accede as paradas cun incremento máximo de 5 minutos.

En conxunto, esta reorganización beneficia en maior medida aos estudantes destas rutas, nas que se garanten os menores tempos de viaxe posibles.

Data de actualización: 24/11/2023