Rivo avoga por empresas responsables para atraer e reter talento e para acadar a igualdade laboral

 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe na apertura da IV Xornada RSE, que organizou o Foro Empresa Pontevedra
 

Puxo en valor a nova Estratexia RSE que aprobou este ano a Xunta, que quintuplica a súa dotación orzamentaria, ata os 174 millóns de euros
 

A nova planificación inclúe a posta en marcha dunha nova Rede galega pola RSE, que pretende ser un espazo de diálogo entre o sector público-privado e a sociedade civil para a xeración de alianzas nesta materia

Rivo tamén referiuse á nova Lei de igualdade, que se aprobou esta semana no Parlamento de Galicia, que regula conceptos novidosos, vinculados coa RSE, como é o benestar laboral

Pontevedra, 24 de novembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, destacou hoxe en Pontevedra, na apertura da IV Xornada RSE organizada polo Foro Empresa Pontevedra, a aposta da Xunta para que Galicia sume empresas responsables ao seu tecido produtivo. En palabras da titular de Emprego, só da man de empresas responsables lógrase a igualdade laboral e, polo tanto, a creación de espazos laborais igualitarios, diversos e sustentables e acádase, ademais, a atracción e retención do talento.

Rivo referiuse ás iniciativas que está a desenvolver a Xunta de Galicia neste ámbito como é a nova Estratexia de RSE que aprobou este ano o Goberno galego para promover entornos de traballo inclusivos e igualitarios. Esta planificación quintuplica a súa dotación orzamentaria, ata os 174 millóns de euros, para favorecer a competitividade das empresas e atraer talento. “Dedicamos esta importante contía porque consideramos que a RSE é clave na nosa economía”, engadiu.

A conselleira explicou que a Xunta quere que esta Estratexia sirva de motor para que todos os axentes públicos e privados dispoñan dun marco de referencia neste eido e poidan contar tamén co apoio da Administración autonómica. Referiuse, ademais, á nova Rede galega pola RSE que se pretende poñer en marcha para que se converta nun espazo de diálogo entre o sector público-privado e a sociedade civil para a xeración de alianzas nesta materia.

Rivo, así mesmo, lembrou que esta mesma semana o Parlamento de Galicia aprobou a nova Lei de igualdade, unha normativa que incide no apoio ás mulleres no eido laboral, regulando conceptos novidosos e que se relacionan coa RSE como é o benestar laboral.

“Queremos crear unha sociedade máis igualitaria, equitativa e xusta creando espazos de traballo diversos para dar oportunidades laborais a todas as persoas”, engadiu.

Para rematar recordou que Galicia foi unha rexión pioneira en Europa en RSE ao aprobar en 2012 o primeiro Plan estratéxico galego de RSE, “Sigamos a tecer esta rede para lograr unha Galicia chea de oportunidades laborais na que todas as persoas teñan cabida”, concluíu.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2023