A economía galega xa recuperou o PIB prepandemia en 2021, tres trimestres antes que a media de España

O PIB galego aumentou un 7,6 % en 2021 e un 4,1 % en 2022

No terceiro trimestre de 2023 o crecemento da economía galega é do 1 %

O emprego medrou un 2,4 %, cun incremento de 24.154 postos de traballo en relación ao terceiro trimestre de 2022

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2023

A economía galega xa recuperou o PIB prepandemia no cuarto trimestre do ano 2021, tres trimestres antes que a media de España, segundo as contas económicas trimestrais do IGE como resultado da revisión das estimacións anuais do período 2020-2021 coas contas anuais, logo da xa realizada polo INE.

En concreto, o PIB galego incrementouse un 7,6 % en 2021, 2,4 puntos máis do inicialmente estimado; e un 4,1 % en 2022, tres décimas superior ao estimado nun primeiro momento.

Por outra banda, a economía galega medrou un 1 % no terceiro trimestre de 2023 en relación ao mesmo período do ano anterior, como se desprende da Información de Contabilidade trimestral publicada hoxe polo IGE. En canto á evolución intertrimestral, de xullo a setembro, foi do -0,3 %.

Desde o punto de vista da demanda, no último trimestre, a demanda interna achega 0,9 puntos ao crecemento do PIB e a demanda externa, 0,2. O consumo privado aumentou un 0,2 % e o público un 5 %.

Desde a óptica da oferta, rexistraron taxas positivas o sector servizos (2,1 %) e o primario (0,9 %), cunha leve caída do da construción (0,1 %). Pola súa banda, as ramas industriais rexistraron unha taxa do -2,5 %.

Crecemento do emprego

Ademais, os datos de contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego –medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- medrou no segundo trimestre un 2,4 %, o que supón un incremento de 24.154 postos respecto ao mesmo trimestre do ano anterior.

 

Por ramas de actividade, o emprego creceu en todas, un 3,1 % na construción, un 2,7 % nos servizos, un 1,3 % na industria e un 0,6% no sector primario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2023