A conselleira Ethel Vázquez recolleu este galardón outorgado polo Grupo de Mecánica de Estruturas da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade recibe o Premio Ícaro 2023 polo apoio á investigación na enxeñaría para mellorar as respostas ás necesidades dos cidadáns

Vázquez Mourelle sinala como un deber impulsar a investigación e traballar da man dos expertos en cada materia para aplicar o seu coñecemento e darlle sentido desde unha utilidade social

Destaca que os enxeñeiros deben ofrecer solucións atinadas a problemas complexos como o cambio climático, que somete o territorio e as infraestruturas a presións extremas e obriga á revisión frecuente de pontes ou viadutos

Remarca outros retos da enxeñería como a ordenación do territorio e a preservación dos seus valores naturais ou o fomento dunha mobilidade máis sostible entre os cidadáns

A Coruña,  23 de novembro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade recibiu esta mañá o Premio Ícaro 2023 por apoiar á investigación na enxeñaría co obxectivo de darlle unha resposta máis eficaz ás necesidades dos cidadáns.

 

A conselleira Ethel Vázquez recolleu este galardón outorgado polo Grupo de Mecánica de Estruturas da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña.

 

Agradeceu o recoñecemento por cumprir coa obriga das institucións públicas de impulsar a investigación e traballar da man dos mellores expertos en cada materia para aplicar o seu coñecemento e darlle sentido desde unha utilidade social.

 

A titular de Infraestruturas salientou a excelencia da enxeñería galega grazas a centros como a Escola da Universidade da Coruña, que conta cun equipo docente de prestixio capaz de transmitir con eficacia o desexo de investigar.

 

Destacou que os enxeñeiros deben ofrecerlle á sociedade solucións atinadas para problemas e necesidades que son cada vez, tamén, máis complexos. Citou retos aos que está a facer fronte a enxeñería como o cambio climático, que somete o territorio e as infraestruturas a presións extremas e obriga a unha revisión máis frecuente de pontes, viadutos ou noiros.

 

Remarcou outros fitos da enxeñería como a ordenación do territorio e a preservación dos seus valores naturais, as crecentes necesidades de mobilidade dos cidadáns e o deber de fomentar desprazamentos cada vez máis sostibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/11/2023