A Xunta destaca a oportunidade que poden supoñer os mercados de servizos ecosistémicos para o sector forestal na asemblea xeral de PEFC España

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participou na Asemblea Xeral de PEFC España, celebrada en Madrid, e na que estivo acompañado por representantes doutras comunidades autónomas

A Xunta, dentro da súa aposta polo sector forestal, garantirá que ata un 20% das novas construcións promovidas polo goberno autonómico contarán con madeira na súa estrutura
 

Madrid, 23 de novembro de 2023

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participou hoxe na Asemblea Xeral de PEFC España que se celebrou en Madrid e na que puxo de relevo a oportunidade que poden supoñer os mercados de servizos ecosistémicos para o sector forestal galego.

Jacobo Aboal, que formou parte dun foro con representantes doutras comunidades autónomas, falou da importancia dos servizos ecosistémicos que proveen aos bosques, como son o carbono, a biodiversidade, a auga, o solo e incluso a función dos axentes polinizadores. O director da Axencia recalcou que poden ser unha oportunidade ante o cambio climático.

Por outra banda, comentou que isto está a supor a apertura de mercados onde estes servizos terán un prezo e aquelas entidades ou empresas que desenvolven actividades que supoñen a súa merma, deberán compensar dita acción mediante a compra aos titulares dos bosques. A adicionalidade será a base dos mecanismos do mercado e o valor, explicou, sobre a ganancia que se produza cando se fagan actuacións máis aló da xestión habitual.

Apoio ao sector forestal

A Xunta reforza o seu compromiso co sector forestal galego e por iso, no 2024, reforzará a introdución da madeira estrutural nas novas edificacións promovidas pola administración autonómica, que irá incrementando a porcentaxe da súa presenza de xeito gradual, ata un 20% do total. Esta iniciativa complétase coa recente publicación da Guía para o fomento da madeira na contratación pública de edificacións sustentables.

Seguindo esta liña, pero dentro do eido privado, no próximo ano haberá unha nova convocatoria de axudas de mínimo 2 millóns de euros para a realización de proxectos e obras de empresas e particulares que empreguen produtos de madeira na súa estrutura.

Ademais, a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Industria Forestal, seguirá a traballar no vindeiro a prol do sector forestal. No orzamentos do 2024, contémplase unha partida de 11 millóns de euros para investimentos en tecnoloxías forestais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/11/2023