A Xunta ofrece na Universidade da Coruña unha nova xornada de formación sobre sustentabilidade e responsabilidade social empresarial

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na iniciativa que se desenvolveu baixo o título ‘Sustentabilidade e impacto. Unha aproximación práctica á RSC’

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade colabora coas tres universidades galegas para espertar a sensibilidade dos traballadores do futuro en cuestións medioambientais, de gobernanza e de responsabilidade social

Esta iniciativa forma parte da nova Estratexia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) da Xunta 2023-2025, que inclúe 25 medidas para promover a importancia da sustentabilidade entre as empresas, as administracións e a cidadanía

A Coruña, 23 de novembro de 2023

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe, no marco da Estratexia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) da Xunta 2023-2025, na segunda xornada de formación que a Xunta imparte na Universidade da Coruña sobre sustentabilidade e RSE.

A cualificación que está a impartir a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade trata de achegar coñecementos e experiencias empresariais sobre a sustentabilidade social ao estudantado universitario dos graos relacionados cos estudos de economía. Pretenden ser unhas formacións non regradas e sinxelas dirixidas tamén ás persoas interesadas nesta materia co obxectivo de que sirvan de palanca de futuras accións formativas máis extensas.

Agárdase que máis de 300 alumnas e alumnos galegos reciban esta formación que se imparte ata finais de ano grazas a un convenio de colaboración asinado entre Promoción do Emprego e as tres universidades públicas galegas. En global serán 1.500 horas de formación  co fin de espertar un maior interese pola sustentabilidade empresarial.

Esta actuación forma parte da Estratexia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) da Xunta de Galicia 2023-2025, que, con 174,7 millóns de euros de orzamento (quintuplica a dotación económica da anterior), quere preparar a Galicia para os retos da economía sustentable e dixitalizada.

Esta planificación pretende situar os valores e principios da responsabilidade social empresarial na axenda das empresas galegas como mecanismos para impulsar a súa competitividade, produtividade e crecemento.

25 medidas

A Estratexia comprende 25 accións enmarcadas no eido da empresa, a sociedade e a Administración pública. Pretende, entre outros fins, transformar os modelos de negocio das empresas para que teñan máis oportunidades na economía que vén; apoiar ás empresas para mellorar os seus sistemas de transparencia; e atraer e desenvolver talento favorecendo contornas de traballo inclusivas e con solucións innovadoras de impacto social e/ou ambiental.

Entre outras novidades, a Estratexia está a avogar pola formación e desenvolvemento de políticas de gasto e investimento para as empresas así como polas axudas directas a proxectos ou iniciativas que busquen o desenvolvemento de solucións sustentables con impacto social e/ou ambiental no territorio.

Con este documento a comunidade seguirá a situarse á vangarda da promoción da RSE entre o seu tecido asociativo, na administración e para o conxunto da sociedade, como continuidade do Plan Estratéxico Galego de Responsabilidade Social Empresarial 2012-2014, que converteu a Galicia en rexión europea pioneira.

Tamén seguirá a estela da Estratexia galega de RSE 2019-2021, que creou o ecosistema actual de apoio autonómico á RSE empresarial, que desde 2019, permitiu que máis de 250 pemes e persoas traballadoras autónomas se formasen nesta materia, e outorgou máis de 500 achegas en materia de igualdade, teletraballo, conciliación ou RSE.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/11/2023