Reguera tende a man da Xunta ao sector turístico: “Seguiremos traballando xuntos”

O delegado inaugurou, xunto ao presidente da Deputación e ao presidente de Clúster de Turismo de Galicia, unha xornada sobre as posibilidades da intelixencia artificial neste sector

Reguera fixo fincapé no gran traballo que se está realizando para que Galicia siga sendo un destino atractivo, responsable e respectuoso
 

Pontevedra, 23 de novembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, inaugurou esta mañá o foro de debate RIAs Baixas: El camino de los algoritmos, que tivo lugar no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra.

Ao acto asistiron decenas de profesionais do sector turístico que durante toda a mañá escoitaron ás ponencias de profesionais especializados en tecnoloxías de Intelixencia Artificial.

O delegado territorial non perdeu a ocasión de agradecer o “espectacular traballo” que está a levar a cabo o sector e que permitiu converter a Galicia “nun referente do turismo nacional, non solo polos seus múltiples atractivos, senón tamén pola calidade dos seus servizos”.

Reguera asegurou que moitos dos éxitos alcanzados ata o momento foron froito da colaboración entre as institucións públicas e as entidades privadas e destacou o saber facer e a honestidade dos profesionais galegos: “Calquera turista sabe que pode ir comer a un restaurante no centro de calquera cidade e que non o van enganar. Sabe que a persoa que o atende no hotel vai velar polos seus intereses e sabe en Galicia vai atopar un tipo de ocio responsable e respectuoso. Temos a sorte de contar cun turismo diversificado, cada vez máis desestacionalizado e sostible”.

O delegado rematou a súa intervención tendendo a man da Xunta a todos os empresarios do sector turístico: “Galicia vai seguir crecendo como un destino moi atractivo nos próximos anos, entre outras cousas polas súas condicións climáticas. Temos que estar preparados e para elo podedes seguir contando coa nosa colaboración. Seguiremos traballando xuntos!”.

Na presentación interviron, ademais do delegado, o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López. O presidente do Clúster impresionou aos asistentes cun vídeo feito por intelixencia artificial no que se lle podía ver falando en varios idiomas, mentres que López Lugués aproveitou a súa quenda para lembrar a importancia de que a Deputación siga “tecendo pontes” cos profesionais do turismo.

O fin do acto de inauguración deu inicio ás conferencias que impartiron nomes importantes do sector tecnolóxico como Javier Sirvent, que falou da IA xenerativa; Elena Ibañez, Virginia Segui e Thais Gold, que trataron temas como a capacitación e o emprego; e Lázaro Royo, Javier Martín e Juan Antonio Gómez, encargados de tratar temas como a xestión dos datos e a ciberseguridade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/11/2023