O alumnado da 15ª promoción de Policía Local despide a súa formación na AGASP cunha peregrinación a Compostela

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, recibiu os 78 alumnos que rematan a súa preparación a vindeira semana para logo incorporarse aos respectivos concellos

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2023

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, recibiu na Praza do Obradoiro o alumnado da 15ª promoción da Policía Local  que se despide un ano máis da súa formación e convivencia na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) cunha peregrinación a Santiago de Compostela. Os 78 alumnos e alumnas que conforman a nova promoción finalizaron hoxe o percorrido iniciado o pasado luns en Sarria e no que completaron as últimas catro etapas do Camiño Francés.

 

Con esta xa tradicional iniciativa, os peregrinos e os seus 17 docentes e titores tiveron a oportunidade de descubrir todos os valores que rodean o Camiño de Santiago, ao tempo que compartiron unha nova convivencia entre compañeiros e profesorado.

 

Na súa chegada á Praza do Obradoiro, Santiago Villanueva, destacou a vocación de servizo público que demostran as persoas que orientan o seu destino profesional cara aos corpos e forzas de seguridade, e en especial cara á Policía Local. Nesta liña, incidiu en que a proximidade coa veciñanza que distingue este corpo o converte nun elemento clave na protección e benestar da cidadanía e da súa contorna máis inmediata.

 

O alumnado remata con esta peregrinación a súa formación teórica na Academia para logo volver aos seus 25  concellos de orixe, onde tomarán posesión como funcionarios de carreira, o 13 de decembro, un día despois da súa gradación na Agasp.

 

A Xunta e os concellos galegos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) asinaron en 2017 un convenio ao que xa se adheriron 91 concellos dos 127 que contan con corpo de Policía Local e dos 11 con vixilantes municipais. A través del delegan no Goberno galego a selección e a formación do cadro de Policía Local polas quendas de oposición libre e nas de promoción interna e mobilidade.

 
Centro de formación de referencia

A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar ás novas promocións de Policía Local ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario. Así, só ao longo do pasado ano, formáronse na academia 4.420 axentes de Policía Local, Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil que traballan en Galicia nos 191 cursos organizados para reforzar a preparación de cara ás súas intervencións.

 

Desde a súa posta en funcionamento, en 1993 formáronse na academia 168.520 persoas, das que máis de 3.000 se corresponden coas 15 promocións de Policía Local e as distintas promocións de categorías de mandos.

 

As persoas restantes correspóndense cos participantes nos centos de cursos organizados no marco dos plan de formación continua anuais da Agasp para actualizar os coñecementos de efectivos de forzas e corpos de seguridade -Policía Local, Policía Nacional, Policía Autonómica e Garda Civil, que traballan en Galicia- e dos servizos de emerxencias que velan pola seguridade dos galegos e galegas.

Data de actualización: 23/11/2023