A Xunta reforza e dá estabilidade ao persoal do Servizo Público de Saúde cunha oferta de emprego de 1207 prazas

O presidente do Goberno galego explica que a OPE 2023 aprobada hoxe polo Consello da Xunta recolle 168 prazas de persoal licenciado sanitario, 958 de diplomado sanitario e de formación profesional e 81 de xestión e servizos

 A resolución de procesos selectivos previos traduciuse este 2023 na toma de posesión de 1.138 profesionais do Sergas

O decreto que aproba a oferta de emprego público reserva 61 prazas para persoas con discapacidade xeral e 33 para profesionais con discapacidade intelectual

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2023

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, salientou o reforzo e estabilidade do persoal do Servizo Galego de Saúde que supón a aprobación hoxe por parte do Consello da Xunta da oferta de emprego público (OPE) 2023, que contará con 1207 prazas, distribuídas en 168 prazas de persoal licenciado sanitario, 958 de diplomado sanitario e de formación profesional e 81 de xestión e servizos.

Segundo precisou o mandatario galego, a oferta de 168 prazas de persoal médico na categoría de licenciado sanitario comprende 121 de medicina de familia, 35 de urxencias hospitalarias e 12 de hospitalización a domicilio. As 958 prazas de diplomatura sanitaria e de formación profesional divídense en 818 de enfermaría, 121 de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico, 11 de técnico superior en dietética e 8 de anatomía patolóxica e citoloxía. Por último, apuntou que das 81 prazas da categoría de xestión e servizos, 37 correspóndense a persoal de traballo social, 33 de auxiliar de función administrativa, 5 de xestión da función administrativa, 2 do grupo técnico da función administrativa e 4 de técnico superior en prevención de riscos laborais.

Rueda salientou que a OPE de 2023 conta con 61 prazas reservadas a persoas con discapacidade xeral e, como novidade, o decreto da oferta de emprego público recolle a concentración da reserva de prazas de discapacidade intelectual no grupo auxiliar da función administrativa e, polo tanto, as 33 prazas ofertadas estarán reservadas para as persoas con este tipo de discapacidade.

O presidente da Xunta lembrou que desde o ano 2012 ofertáronse case 12.500 prazas en diferentes categorías, ás que agora se lle suman as 1207 convocadas nesta OPE 2023.

Toma de posesión de máis dun milleiro de profesionais

Coa resolución dos últimos procesos selectivos, ao longo deste ano incorporáronse 1138 profesionais ao cadro de persoal fixo das institucións sanitarias galegas. Deles, 459 correspóndense á resolución do concurso de méritos de estabilización na categoría de enfermaría.

Ademais, este 2023 realizáronse exames de oposición para a convocatoria de 2541 prazas de persoal estatutario nas categorías de enfermeiro/a, técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría e persoal de servizos xerais. Así mesmo, tamén se realizaron os exercicios para a cobertura de 96 prazas en diversas clases de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e Administración sanitaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/11/2023