A Xunta aposta pola dixitalización para mellorar a xestión do consumo enerxético dos centros adheridos a Redexga

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá na Coruña na apertura do congreso sobre enerxía e dixitalización Enerdixital 2023

A Coruña, 23 de novembro de 2023

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá na Coruña na apertura do congreso sobre enerxía e dixitalización Enerdixital 2023.

Na súa intervención, destacou a aposta que se debe facer pola dixitalización para impulsar tamén a transición enerxética. Neste sentido, puxo como exemplo a colaboración da Xunta de Galicia co ITG para poñer en marcha unha plataforma software para a xestión integral dos centros adheridos a Redexga. Esta nova ferramenta permite optimizar a facturación en relación coa potencia contratada, un mantemento preditivo e unha maior xestionabilidade.

Fernández Vila lembrou que Redexga leva en activo desde 2013 para mellorar as condicións dos contratos enerxéticos da Xunta a través de contratacións centralizadas de enerxía que permiten minimizar os custos. Abrangue gas natural, gasóleo C e electricidade. Actualmente conta cun total de 2.730 centros adheridos cun consumo global por riba dos 1.000 GWh ao ano que entre 2020 e 2022 acadaron aforros de mercado de 105 M€ entre electricidade e gas natural.

O director xeral subliñou que a transición enerxética cara a unha economía dixitalizada e descarbonizada require de maior presenza de renovables no mix enerxético, de materias primas e procesos de produción eficientes grazas a procesos de dixitalización que automaticen e permitan realizar análises para adoptar melloras nos mesmos dun xeito sinxelo.

Data de actualización: 23/11/2023