O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe as instalacións acompañado do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela

A Xunta completa a reforma do centro de día e fogar residencial público de Cerdedo

Destináronse preto de 85.000 euros a mellorar este equipamento público que leva en funcionamento desde o ano 2008

A intervención realizouse en dúas fases. A primeira centrouse na mellora da fachada e da cuberta e a segunda, que acaba de rematar, consistiu fundamentalmente no acondicionamento das habitacións

Cerdedo-Cotabade (Pontevedra), 23 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia completou a reforma do centro público de atención diúrna e residencial a persoas maiores de Cerdedo, que acometeu de maneira coordinada co Concello de Cerdedo-Cotobade e na que investiu preto de 85.000 euros. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde, Jorge Cubela, visitaron hoxe estas instalacións con capacidade para 30 usuarios no centro de día e 18 no fogar residencial.

Perfecto Rodríguez explicou que as melloras no equipamento, que acolle un centro de día e un fogar residencial, se fixeron en dúas fases. A primeira delas levouse a cabo no ano 2021 e centrouse na mellora da cuberta e da fachada exterior para conseguir un mellor illamento térmico e solucionar problemas de humidades.

Na segunda das intervencións, que acaba de rematar, realizáronse traballos no interior da edificación. Esta executouse a través dun convenio co concello asinado o pasado mes de marzo e permitiu acondicionar as habitacións que estaban fóra de servizo para reabrilas, de tal xeito que o centro xa ten operativas todas as súas prazas residenciais. Así mesmo, fixéronse reparacións en aseos, duchas, portas e pavimentos.

Novo sistema de aire acondicionado

Estas melloras complétanse coa instalación dun novo sistema de aire acondicionado nos espazos comúns, comedores, área de descanso e a zona de cociñas. Estas obras están en marcha na actualidade e finalizarán nos próximos días.

Coa reforma deste centro de día e fogar residencial, que leva en funcionamento desde o ano 2008, o Goberno galego actualiza os servizos públicos de atención aos maiores en Cerdedo. Neste sentido, lembrar que desde o pasado mes de abril está en funcionamento a nova residencia de maiores anexa, na que a Xunta investiu 2 millóns de euros e con capacidade para aloxar a 46 persoas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/11/2023