O Sergas vai elaborar un procedemento de cribado de violencia de xénero en menores e adolescentes

Tamén ten previsto desenvolver un procedemento fronte á violencia na infancia e adolescencia, que incluirá a atención no caso de agresións sexuais

Así o anunciou a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato Mosquera, nunha xornada sobre violencia de xénero

Pola súa parte, a secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, destaca que a Xunta en 2024 incrementará un 14,46% con respecto a este ano o orzamento para combater a violencia de xénero

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2023

“O Servizo Galego de Saúde vai elaborar o vindeiro ano un procedemento de cribado de violencia de xénero en menores e adolescentes”, xa que o que hai na actualidade é para mulleres maiores de 15 anos. Así o anunciou a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato Mosquera, na inauguración dunha xornada sobre violencia de xénero, con motivo da conmemoración, o vindeiro 25 deste mes, do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller.

A secretaria xeral de Sanidade sinalou que “para a elaboración do cribado constituíuse un grupo de traballo interdisciplinar, con profesionais de pediatría, psiquiatría e traballo social”, entre outros, e actuando en colaboración do Instituto de Medicina Legal e demais institucións implicadas. Sanidade tamén ten previsto desenvolver, -proseguiu a secretaria xeral-, “un procedemento fronte á violencia na infancia e adolescencia, que incluirá a atención no caso de agresións sexuais”.

Para a elaboración e posterior aplicación destes procedementos, Natalia Lobato considera fundamental “que os profesionais implicados conten coas ferramentas necesarias”. A tal efecto, puxo en valor os distintos cursos que o seu departamento leva a cabo. En concreto, no caso do persoal do Sergas, salientou a formación en igualdade de oportunidades e control da violencia de xénero, que realizaron máis de 2.370 persoas; ou a referida á violencia cara ás mulleres, como detectala e pautas de actuación dende o Sergas, que contou con máis de 2.000 alumnos o pasado ano.

Tamén sinalou a secretaria xeral de Sanidade que a Escola galega de saúde para a cidadanía desenvolveu obradoiros de formación e información á poboación sobre a violencia de xénero.

Incremento do orzamento para combater a violencia de xénero

Na inauguración desta xornada tamén interveu a secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, quen destacou que a Xunta en 2024 incrementará un 14,46% con respecto a este ano o orzamento para combater a violencia de xénero. En concreto, investiranse 23,5 millóns de euros en total para impulsar a sensibilización colectiva, a formación de profesionais, o asociacionismo ou a corresponsabilidade, e as axudas económicas e servizos de atención e acompañamento.

Así mesmo, referiuse á nova Lei de igualdade aprobada esta mesma semana no Parlamento galego, que incidirá na erradicación de actitudes machistas e de calquera tipo de discriminación. Así, fixo fincapé en que se promoverán programas municipais para a creación de espazos urbanos libres de violencia e de acoso sexual. Tamén se incidirá en eidos como o da cultura e o do deporte, e reforzarase a igualdade no eido dixital, para combater calquera acción machista por medios tecnolóxicos, entre outras actuacións.

Procedementos elaborados

A secretaria xeral de Sanidade, Natalia Lobato dixo que o departamento sanitario galego conta cun grupo de traballo interdisciplinar, que fai un gran labor, e que reúne a profesionais de medicina e enfermería, matronas e traballadores sociais, así como profesionais de atención primaria, hospitalaria e de servizos centrais, que entre as súas funcións está a colaboración no deseño de actuacións e programas públicos en materia de violencia de xénero no ámbito sanitario.

Froito da implicación destes e doutros profesionais, Natalia Lobato incidiu en que xorden procedementos como o de cribado e actuación en saúde, elaborado a finais de 2020, destinado a mellorar a detección temperá e establecer pautas de guía na busca activa de mulleres en situacións de violencia de xénero que acoden aos centros do Sergas.

Ademais, no Observatorio galego de violencia de xénero aprobouse o procedemento de atención a mulleres vítimas de agresión sexual e o de actuación do Sergas ante casos de sospeita de submisión química, ambos elaborados por profesionais departamento sanitario galego.

Remarcar, así mesmo, que a Consellería presentou no 2021 o I Plan de Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no Sergas, que incide na formación, información e sensibilización do persoal; a atención a situacións especiais de protección; e a conciliación laboral, persoal e familiar.

Relatoras

A xornada contou coa intervención de Noemi Morte, directora do Instituto de Medicina Legal de Galicia, quen falou da Violencia de xénero: pasado, presente e futuro nos Institutos de Medicina Legal; e a quen a secretaria xeral de Sanidade agradeceu a súa presenza xa que a colaboración cos profesionais do IMELGA é imprescindible para unha atención integral e con garantías para os pacientes.

Noemí Morte, deu a coñecer aos profesionais sanitarios nesta xornada a actuación do instituto neste ámbito. Deste xeito, incidiu na importancia da colaboración e coordinación entre as institucións implicadas coa finalidade de "garantir sempre unha mellor asistencia ás vítimas deste tipo de violencia".

Tamén interveu Ana Barba, directora de programas da área da Muller en Aliad Ultreia, quen disertou sobre o impacto da violencia sobre as mulleres vítimas de explotación sexual. Ao respecto, o Sergas colabora con esta asociación coa subvención do Programa de detección e restablecemento de mulleres vítimas de trata ou explotación sexual.

Data de actualización: 23/11/2023