Martina Aneiros animou aos representantes municipais a participar na “Rede Galega de Praias e Parques Sen Fume”

A delegada sinalou que un dos principais obxectivos destes programas é desnormalizar o consumo de tabaco en toda a comunidade e ampliar a delimitación de espazos onde actualmente non está regulada a prohibición de fumar, como son as praias ou os parques

Na presentación participaron representantes dos concellos da área territorial da Delegación

Ferrol, 23 de novembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá nun encontro con alcaldes e concelleiros da súa área territorial para animar aos responsables municipais a que se adhiran á Rede de Praias e Parques Sen Fume.

Con estas iniciativas que leva a cabo a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o Executivo galego persegue o obxectivo de crear espazos libres de fume nas vilas galegas.

Durante o acto Aneiros lembrou que o consumo de tabaco e a exposición ao fume ambiental seguen sendo un dos principais problemas de saúde pública e medioambiental na nosa contorna e sinalou que un dos obxectivos destes programas é desnormalizar o consumo de tabaco en toda a comunidade e ampliar a delimitación do seu consumo a espazos onde actualmente non está regulada a prohibición de fumar, como son as praias ou os parques”

Na actualidade a “Rede Galega de Praias sen Fume”, que nacía no ano 2016, xa conta coa participación de 80 concellos e 224 praias. No ano 2022 nacía a “Rede Galega de Parques sen Fume”, que xa conta con 18 concellos adheridos.

Os concellos participantes nesta iniciativa adquiren compromisos como a identificación e sinalización dos espazos libres de fume, a difusión entre a poboación de folletos informativos e de sensibilización e o desenvolvemento de actividades encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/11/2023