A Xunta adxudica a redacción do proxecto dunha nova senda na estrada autonómica PO-400 ao paso polo concello das Neves para comunicar o núcleo do Castro co centro urbano

O contrato, adxudicado por preto de 18.000 €, prevé o deseño dun itinerario fundamentalmente peonil de preto de 1,2 quilómetros pola marxe esquerda da estrada, que facilite aos veciños deste núcleo o acceso aos principais servizos do municipio

Este proxecto súmase ás actuacións que a Xunta está a levar a cabo para a mellora de conservación e da seguridade viaria na PO-400, coa renovación de firme e a execución da senda en Crecente, cun investimento total que supera os 4 M€

Tamén se está a traballar na tramitación para a mellora de intersección no quilómetro 9+980 da PO-400 en Setados, que será sometido a información pública nunhas semanas

Ademais, está en fase de supervisión o proxecto de mellora da intersección no quilómetro 24+200 da PO-400, neste caso, no concello de Arbo

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a redacción do proxecto de execución dunha nova senda na estrada autonómica PO-400, ao paso polo concello das Neves, para comunicar o núcleo do Castro co centro urbano do municipio pontevedrés.

Este contrato foi adxudicado á consultora OTIMA cun investimento de 18.000 euros.

En concreto, con estes traballos, a Xunta deseñará unha senda entre os puntos quilométricos 8+770, na intersección coa estrada PO-415, nas Neves, e o quilómetro 9+950, no Castro, unindo así este último núcleo de poboación coa capitalidade do municipio e, polo tanto, dando acceso aos principais servizos públicos.

Será un itinerario de preto de 1,2 quilómetros de lonxitude pola marxe esquerda da PO-400, seguindo os criterios de deseño para as sendas da Axencia Galega de Infraestruturas, con uso mixto pero preferentemente peonil.

Na redacción deste proxecto inclúense os traballos de comprobación sobre a necesidade de expropiación e, polo tanto, de información pública.

A actuación é susceptible de financiamento con fondos europeos FEDER 21/27.

Este novo proxecto súmase ás actuacións que está a levar a cabo nestes momentos a Xunta para a mellora da conservación e da seguridade viaria na PO-400, entre as que destacan a renovación da capa de rodaxe do firme, en execución, cun investimento de máis de 3,2M€; ou a construción do Itinerario peonil no antigo trazado da estrada PO-400 en Crecente, cun investimento superior aos 880.383 euros.

En paralelo, o departamento de Infraestruturas da Xunta está a traballar na tramitación de novos proxectos como o desta senda nas Neves, ou os de mellora de intersección no punto quilométrico 9+980 da PO-400 en Setados, que nunhas semanas será sometido a información pública.

Tamén está en fase de supervisión o proxecto de mellora da intersección no quilómetro 24+200 da PO-400, no concello de Arbo.

Data de actualización: 23/11/2023