A Xunta licita por 3,8 M€ a modernización do sistema de iluminación de 26 portos autonómicos a través de tecnoloxía led con xestión telemática

O obxectivo é reducir a contaminación ambiental e luminosas a través de novas luminarias que aportarán ademais maior comodidade visual aos usuarios dos portos
 

As actuacións suporán a renovación de dous terzos do alumeado actual do sistema portuario galego e permitirán un aforro enerxético estimado do 60%
 

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2023

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de iniciar o procedemento de licitación do servizo para a modernización do sistema de iluminación de 26 portos autonómicos a través de tecnoloxía LED con xestión telemática. O contrato sae a concurso cun orzamento base de licitación de 3,8 millóns de euros, IVE incluído.  

Os documentos e pregos do concurso están dispoñibles para os interesados na plataforma de Contratos de Galicia, no perfil do contratante, e na páxina web oficial de Portos de Galicia, www.portosdegalicia.gal. Os licitadores terán de prazo 30 días naturais para presentar as súas ofertas e o prazo de execución das obras unha vez iniciadas será de 8 meses.

A través deste contrato, Portos de Galicia executará a renovación do alumeado que posúen na actualidade cinco portos da zona norte (costa cantábrica), como son os de Ribadeo, Burela, Viveiro-Celeiro, Cariño e Cedeira; 12 portos da zona centro (Coruña Atlántica), os de Sada-Fontán, Malpica, Laxe, Fisterra, Cee, Muros, Portosín, Aguiño, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Cabo de Cruz e Rianxo; e nove da zona sur (Pontevedra), en concreto os de Vilanova de Arousa, O Xufre, Tragove, O Grove, Portonovo, Combarro, Bueu, Cangas e Moaña. O conxunto destas actuacións suporán a renovación do 65% do alumeado actual do sistema portuario galego.

O obxectivo principal destes traballos de modernización é reducir a contaminación ambiental e luminosa nos espazos portuarios, co apoio dun sistema de control remoto das luminarias. Así, aportarase maior comodidade visual aos seus traballadores e usuarios ademais de procurar ese aforro enerxético estimado do 60%.

Accións a desenvolver

Os traballos de mellora do alumeado nos espazos portuarios consistirán na instalacións de 2.500 luminarias e proxectores LED para a iluminación exterior das instalacións dos peiraos así como do equipamento informático necesario para a configuración do sistema de telexestión. Así mesmo, revisaranse as 625 luminarias LED xa existentes e os centros de mando ademais de levar a cabo un control de calidade do conxunto das instalacións.

 

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 23/11/2023