Galicia reforza o seu atractivo fóra de temporada alta cun incremento de viaxeiros aloxados do 7% en outubro

Os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) referidos a hoteis e pensións constatan a boa evolución cuantitativa e cualitativa fóra do verán

Foi o mellor mes de outubro desde que se rexistran datos, tamén no que se refire á rendibilidade hoteleira que medra un 10% neste mes

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2023

Galicia está a reforzar o seu atractivo turístico fóra de temporada alta como demostran os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) referidos ao mes de outubro en hoteis e pensións. A comunidade galega rexistrou ese mes algo máis de 493.000 viaxeiros aloxados no sector hoteleiro que fixeron preto de 895.000 noites, cifras que superan os valores do ano pasado nun 7,7% en un 4,5% respectivamente. Son os niveis máis altos acadados nun mes de outubro desde que hai rexistros.

Este crecemento fai que Galicia avance na súa desestacionalización, como xa se viña mantendo nos primeiros cinco meses do ano, cando se rexistraron niveis de demanda hoteleira que con crecementos entre o 34% e o 5% entre xaneiro e maio.

Estas boas cifras acontecen nun contexto, ademais, que permite que o sector hoteleiro mellorase en outubro nun 10% nos niveis de rendibilidade, en comparación cos datos do pasado ano. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais nominais de 39,6 millóns de euros en outubro (un 13,4% máis que o ano pasado), e tamén superior ao valor previo á pandemia, de setembro de 2019, cando se facturaban 29 millóns de euros no segmento hoteleiro da comunidade. Polo que se trata das cifras máis alta da serie histórica de outubro.

Estes resultados fanse extensivos tamén ao acumulado do ano, no que, segundo os datos do INE, a rendibilidade hoteleira tamén está a medrar nos nove primeiros meses do ano, neste caso un 7%. As cifras globais de viaxeiros e noites completaranse cando o INE contabilice tamén os datos do resto de establecementos de aloxamento (establecementos de turismo rural, campings, albergues, apartamentos e vivendas turísticas) na súa enquisa de establecementos extrahoteleiros que dará a coñecer en decembro.

Data de actualización: 23/11/2023