A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade participou hoxe na entrega das Medallas ao Mérito Colexial do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia

Ethel Vázquez convida os enxeñeiros de camiños a participar dos retos que afronta Galicia con infraestruturas e servizos que garantan un lugar mellor para vivir e para traballar

Vázquez Mourelle sinala o reto de acadar unha terra sostible e cada vez mellor vertebrada por dentro e mellor conectada por fóra

Pon en valor o proxecto da terminal de autobuses intermodal que a Xunta executa na Coruña para sacar o máximo rendemento da alta velocidade, “que non acaba de chegar”, e que se debe acompañar dunha conexión ferroviaria con Ferrol “propia do século XXI”

Invita ao colectivo profesional a participar activamente na construción da sanidade pública, como o Novo Hospital Público da Coruña, que en pouco tempo comezará a materializarse cun investimento da Xunta de 500 M€
 

A Coruña, 22 de novembro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, convidou hoxe aos enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos a participar dos retos que afronta Galicia para ser, cada vez, un lugar mellor para vivir e para traballar. 

Vázquez Mourelle participou hoxe na entrega das Medallas ao Mérito Colexial do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros. 

Na súa intervención, a titular de Infraestruturas e Mobilidade citou, expresamente, o reto de acadar unha terra sostible e cada vez mellor vertebrada por dentro e conectada por fóra; con infraestruturas que garantan a mobilidade como un dereito universal; cun transporte público de calidade e intermodal; que avance na construción dos grandes centros sanitarios para blindar a sanidade do futuro; vele pola calidade das súas augas; e que continúe a ser referente de xestión ante as novas necesidades xurdidas do cambio climático. 

Referiuse, concretamente, ao proxecto da terminal de autobuses intermodal que a Xunta está a executar na Coruña para conformar un gran centro de transporte público capaz de sacar o máximo rendemento da alta velocidade ferroviaria, “que non acaba de chegar”, e que se debe acompañar dunha conexión ferroviaria con Ferrol “propia do século XXI”.   

Tamén convidou aos enxeñeiros a participar activamente na construción de sanidade pública. Lembrou que a Xunta avanza no Novo Hospital Público da Coruña, o Novo CHUAC, no que inviste 500 M€ e que en cuestión de pouco tempo, dixo, vai comezar a materializarse.  

“Estou segura de que canto máis nos impliquemos desde o noso colectivo profesional nesta materia máis atinada serán as solucións propostas”, concluíu.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/11/2023