A Xunta reitera o seu apoio e cariño aos familiares das vítimas do Villa de Pitanxo

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, recibiu hoxe a familiares dos 21 falecidos no afundimento do pesqueiro 'Villa de Pitanxo' en febreiro de 2022 en augas de Terranova e reiteroulles que contan con todo o apoio e o cariño da Xunta de Galicia. O conselleiro expresou a importancia de que a xustiza actúe con axilidade para esclarecer o antes posible as causas do afundimento para evitar que algo así volva a ocorrer e quixo mostrarlles o máximo respecto e recordo para con tódalas vítimas da que foi a peor traxedia da pesca galega en case medio século.

Alfonso Villares quixo aproveitar para trasladar todo o apoio da Administración galega ao conxunto das familias personificadas na comitiva encabezada por María José de Pazo, así como unhas verbas de recordo e agarimo para todas as xentes do mar que perderon a vida faenando. A voceira das familias trasladou tanto ao conselleiro como ao conxunto da sociedade que o 17 de febreiro de 2024, dous días despois do aniversario do naufraxio, se celebrará un acto de homenaxe ante a placa en Marín que recorda ás vítimas. O titular de Mar quixo aproveitar tamén para agradecer a importante labor e o sacrificio que realizan as xentes do mar de Galicia en todos os caladoiros do mundo, onde son referentes internacionais neste eido.

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 22/11/2023