A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade respondeu hoxe na Cámara autonómica a unha pregunta sobre a emisión dos informes e das autorizacións por parte deste organismo estatal

Ethel Vázquez lamenta a dilación e o torpedeo de Costas do estado sobre as obras de saneamento das rías, que conleva a perda do 40% de fondos europeos consignados

Vázquez Mourelle cuantifica en 35 M€ o prexuízo económico causado polo proceder do organismo estatal

Censura que os permisos para executar infraestruturas hidráulicas en dominio público marítimo-terrestre estean a converterse no principal obstáculo ás actuacións impulsadas pola Xunta para apoiar aos concellos costeiros no saneamento e na depuración

Lembra que o Goberno galego leva investido 1.100 M€ nas rías, o que permitiu duplicar a capacidade de depuración e mellorar a calidade das augas, tendo comprometidas novas actuacións por valor de 228 M€ para seguir afondando no seu saneamento integral

Incide na interpretación discrecional e restritiva sobre o dominio público hidráulico do organismo estatal e no descoñecemento das peculiaridades da franxa costeira galega que o levan incluso a contradicir as resolucións emitidas polos seus propios servizos provinciais

Lamenta que por esas interpretacións arbitrarias, o saneamento integral das rías de Arousa e de Pontevedra non puidera completarse aínda

Rexeita o agravio que supón para Galicia o recurso do Goberno contra a Lei do litoral, que impide resolver a deriva na tramitación das obras de mellora do saneamento das rías

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2023

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, lamentou hoxe no Parlamento de Galicia a dilación e torpedeo que a Dirección Xeral da Costa e o Mar do Goberno central está a causar nas obras de saneamento das rías que proxecta a Xunta, o que conleva a perda do 40% dos fondos europeos consignados para tal fin.

En resposta a unha pregunta na Cámara Autonómica, Vázquez Mourelle cuantificou en 35 M€ de fondos europeos o prexuízo económico causado polo proceder “incomprensible”, dixo, da Dirección xeral da Costa e o Mar.

A conselleira censurou que o traballo do organismo estatal na emisión dos informes e das autorizacións para executar infraestruturas hidráulicas en dominio público marítimo-terrestre estea a converterse no principal obstáculo para sanear as rías galegas. De feito, segundo asegurou, se Costas do Estado aplicase criterios lóxicos na súa interpretación das leis vixentes, o Goberno galego tería cumprido o seu obxectivo de acadar o saneamento integral das rías.

Ethel Vázquez puxo en valor o traballo realizado desde 2009 pola Xunta para mellorar a calidade das masas de auga das nosas costas, por loitar contra os vertidos e por preservar a súa produtividade, que permitiu acadar fitos importantes, como duplicar a capacidade de depuración e mellorar a calidade das augas. Para cumprir estes obxectivos, neste tempo investiu 1.100 M€ e ten comprometidas novas actuacións por valor de 228 M€ máis.

A conselleira incidiu nas consecuencias da interpretación discrecional e restritiva que fai o departamento de Costas do Goberno de España sobre o dominio público hidráulico, que ás veces mesmo contradí as resolución emitidas polo mesmo departamento a nivel provincial. Segundo destacou Ethel Vázquez, estas interpretacións poñen claramente de manifesto o seu descoñecemento sobre as peculiaridades da franxa costeira galega, e o único que fan é entorpecer e dilatar a execución de actuacións en materia de saneamento e depuración que son fundamentais para mellorar a calidade das augas das rías galegas.

A conselleira citou varios exemplos: a renovación dos colectores e a execución dun tanque de tormentas en Vilanova de Arousa; a ampliación da depuradora de Vilagarcía; a mellora do bombeo de Cocheras; ou a adaptación da depuradora dos Praceres aos novos requisitos establecidos pola Unión Europea. A paralización destas actuacións, dixo, impiden que o saneamento integral das rías de Arousa e de Pontevedra estea rematado.

Ethel Vázquez lamentou que a solución que podería resolver dunha vez por todas este problema, a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, aprobada polo Parlamento galego o pasado mes de abril, fose recorrida polo Goberno central.

A este respecto, a conselleira censurou a contradición que supón que o Goberno central paralizase a aplicación desta norma en Galicia, mentres o presidente Pedro Sánchez promete, “sen pegas nin restricións”, o mesmo para o País Vasco.

Ethel Vázquez cualificou esta actitude como un novo agravio do Goberno central a Galicia e asegurou que a Xunta seguirá insistindo e traballando con igual ímpeto para acadar o saneamento integral das rías.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/11/2023