A Xunta salienta en Porto a aposta por promover a transformación dixital do comercio como factor de competitividade

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, destacou no Foro do Comercio que se celebra na cidade portuguesa que as iniciativas da Administración autonómica neste eido se centran na dixitalización gradual, a innovación e a formación

Porto (Portugal), 22 de novembro de 2023

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, salientou hoxe durante a súa participación no Foro do Comercio que se celebra na cidade portuguesa do Porto a aposta da Xunta por promover a transformación dixital do comercio como factor de competitividade e revitalización da actividade comercial.

Tal e como subliñou Heredia, as iniciativas da Administración autonómica neste eido céntranse en tres piares fundamentais: promover unha dixitalización gradual, impulsar proxectos de I+D+i e a formación. Así, o director xeral de Comercio e Consumo sinalou que a Xunta busca contribuír ao desenvolvemento de modelos de negocios novos, máis innovadores e sustentables; mellorar as competencias do tecido comercial e dos empresarios: promover a economía circular e a eficiencia enerxética en establecementos comerciais; e desenvolver accións que contribúan á dinamización e fidelización da actividade comercial, entre outros.

Todos estes aspectos aparecen recollidos nos orzamentos para o vindeiro ano da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, onde destacan o novo proxecto de I+D+i, con 4,4 M€, para fomentar a innovación e dixitalización do sector comercial e artesanal; un plan de axudas á dinamización do sector, cun orzamento de 8,7 M€ destinados ao tecido asociativo e comercial; e onde tamén se fai fincapé en actividades de formación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/11/2023